#updates

Dialogar, non visibilizar

Editorial

Dez anos despois do que foi o nacemento da xeración máis exitosa do cinema galego, volvemos a incidir na importancia de potenciar a canteira de creadoras.  A intención deste foco non é tanto a de visibilizar a unhas cineastas xa coñecidas, senón axudar a fornecer un diálogo que permita reflexionar sobre a súa traxectoria nos últimos cinco anos. Desde as primeiras pezas dunhas ata as máis recentes doutras existen nexos en común que unen a estas autoras e que permiten definir un movemento de artistas que están a reivindicar un espazo propio. Este foco permítenos detectar e estudar a este grupo e imaxinar cara onde se dirixe o cinema galego dos próximos anos.

Dicimos que non queremos visibilizar porque non queremos ter nada dese paternalismo que se cre imprescindible para que un determinado cinema sexa recoñecido. Estas cineastas existirán antes ou despois deste foco. O que queremos é poñer a dialogar pezas e artistas que falan da intimidade, do persoal, da melancolía e do cuestionamento; obras que xogan cos formatos e que hibridan a ficción e o documental experimentando na construción de obras persoais onde non se pode disociar directoras e filmes.

Neste contexto de cambio intraxeracional, os festivais de cinema xogan unha parte importante. Nomeadamente o Festival Novos Cinemas de Pontevedra e a Chanfaina LAB de San Sadurniño. Dous dos campos de cultivo máis froitíferos de Galicia e dous modelos de festival que combinan as proxeccións cinematográficas coa creación do mesmo. Así, non é de estrañar que as propias directoras participen dos proxectos das outras, en moitas ocasións. Falamos dunha xeración non interconectada, senón converxente entre si. 

En definitiva, queremos constatar a traxectoria dun grupo de cineastas que amosan unha evolución dentro do cinema galego. Unha evolución que, aínda que estea por definirse, non quere dicir que non estea acontecendo. Non, non imos a promulgar aquí a morte de ningunha corrente de cinema anterior, pero si que queremos participar deste movemento. O camiño sempre está por facer, e desde o festival queremos participar del.

Brais Romero Suárez