#updates

Homenaxe a Euloxio R. Ruibal e ao Equipo Lupa, pioneiros no cinema amateur en Galicia

Novas

A sesión especial que lles adicaremos en colaboración co Cineclube de Compostela contará coa proxección dos filmes Holocausto, O Corpiño, Peliqueiros, Rapa das Bestas e O edificio Castromil, no que se amosarán de novo en público, corenta anos despois, as imaxes do derrubamento do emblemático edificio compostelán no ano 1975.

Fotograma de 'O edificio Castromil' (1975), do Equipo Lupa, durante o derrubamento do edificio

A comezos da década dos setenta o Equipo Lupa foi o primeiro grupo que, de xeito continuado, emprendeu un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galicia e en galego. Formado por Euloxio R. Ruibal, Félix Casado, Ana Antón, Roberto Vidal Bolaño, Clemente Crespo, Xosé Ramón Pousa, Miguel Pérez Romero, Lucrecia Carril, Pablo Crespo, Jesús Velasco, etc, tiña entre os seus obxectivos principais o de soster a valoración do cine como forma de expresión e como medio de comunicación entre a cidadanía, partindo dunha atención preferente á cultura tradicional. En palabras de Euloxio R. Ruibal, director da maioría das súas pezas, “interesábanos a temática etnográfica, eramos conscientes da urxencia de recoller certas manifestacións que non tardarían moito en perderse ou evoluír cara a espectáculos para turistas ou cidadáns galegos transculturizados”.

Fotograma de O Corpiño (1972 - 1973), do Equipo Lupa

Nesta edición do festival, Curtocircuíto e o Cineclube de Compostela, queremos homenaxear a este grupo de pioneiros artellando unha sesión especial arredor da figura do que fora un dos seus membros máis significados. O programa, que levará por nome Curtocircuíto x Cineclube de Compostela: Euloxio R. Ruibal e o Equipo Lupa e estará marcado polo carácter documental, acollerá a proxección de pezas como A rapa das bestas (1972), filmada en Candaoso (Viveiro); O Corpiño (1973), rexistro da popular romaría; Peliqueiros (1973), arredor do Antroido de Laza; O edificio Castromil (1975), na que se verán integramente, de xeito público, en pantalla grande, e despois de máis de corenta anos as imaxes do derrubamento do emblemático edificio compostelán no ano 1975 e Holocausto (1972), a única ficción. 

A preservación da historia e o patrimonio audiovisual do país serán temas centrais nesta sesión na que, corenta anos despois, sumamos forzas co Cineclube de Compostela para recuperar as películas do Equipo Lupa para a súa exhibición pública.

 

Dixeron do Equipo Lupa…

«Na xeración moza, familiarizada coas posibilidades do cine como vehículo expresivo da realidade galega, xurden esperanzadoras iniciativas. Entre elas, de modo destacado, a representada polo "grupo Lupa", con logros moi positivos, algún xa galardoados en certamen internacional, e que é merecente de toda crase de axudas por canto trata de levar a cabo unha necesidade cultural de Galicia: o noso cine.» Ramón Piñeiro 1-11-72

«O Equipo Lupa de cine amateur ten dado probas da súa intelixente ourentacion e debe ser alentado e axudado por todos nós para que siga adiante sin máis servidume que a que todos nos impone o noso patriotismo galego.» Blanco Amor 28-10-72

 

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que desvelará máis contidos da súa programación nas próximas semanas, está organizado polo Concello de Santiago, e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.