#programación

Menú

Longas x Curto

Nesta edición Curtocircuíto programa as primeiras ou segundas longametraxes de cineastas que levan moitos anos medrando ao noso lado. Hai xa dez anos que Curtocircuíto exhibiu por primeira vez un traballo de Lois Patiño, do mesmo xeito que o festival fixo a primeira retrospectiva de Jessica Sarah Rinland hai xa tres edicións, que ademais viña de participar na Sección Oficial un ano antes, onde resultou gañadora. Igualmente, Curtocircuíto exhibiu con moito éxito as primeiras curtametraxes do colombiano Camilo Restrepo, que estará en Santiago por terceira vez. No caso de Oskar Alegria, se ben os seus traballos anteriores non formaron parte das nosas programacións, como director do Festival Punto de Vista mantivo unha estreita colaboración con Curtocircuíto. Todos eles son hoxe cineastas de sobra recoñecidos no circuito internacional. 

Ler máis Ver menos

Lois Patiño compaxinou os seus estudos de Psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid cos de Cine na escola Tai. Continuou a súa formación en cinema na NYFA de Nova York e en Barcelona, onde cursou o Máster de Documental de Creación na Universidade Pompeu Fabra. Realizou cursos de videocreación na Universität der Künste de Berlín e obradoiros con artistas e cineastas como Joan Jonas, Pedro Costa, Víctor Erice, José Luis Guerín ou Daniel Canogar.

Co seu traballo Montaña en sombra (2012) gañou premios no Festival de Oberhausen (Alemaña), en Clermont-Ferrand (Francia), no Bucharest Experimental IFF (Romanía) ou no FIDOCS (Chile), entre outros. E en 2013, no Festival de Locarno, recibiu ou premio ao mellor director emerxente coa súa longametraxe Costa da Morte (2013). Este traballo tamén recibiu premios en festivais como o Jeonju IFF (Corea do Sur), o FICUNAM (México D.F.), o Festival dei Popoli (Italia), o Valdivia IFF (Chile) ou o Festival de Cine Europeo de Sevilla. A súa curtametraxe Noite sem distância (2015) estivo no Festival de Toronto, entre outros, e gañou o premio á mellor curtametraxe no Festival de San Francisco. Fajr (2017), a súa última curtametraxe, estivo presente en festivais como o IFF Rotterdam.

Lúa vermella, producida por Zeitun Films, é a súa última longametraxe ata a data.

Teatro Principal

Duración: 84m 00s

Lúa vermella

Lúa vermella

Lois Patiño

  • 2020
  • 84:00
  • España
  • FIC
  • COR

Nun pobo da costa galega, o tempo semella detido. Todas as persoas están paralizadas, mais as súas voces pódense ouvir: falan de pantasmas, de bruxas, de monstros. Ao lugar chegan tres mulleres na procura do Rubio, un mariñeiro do pobo que desapareceu no mar.

Estrea en Galicia