No festival queremos poñer en valor a unha xeración de mulleres cineastas valentes e xenuínas que, desde 2016, foron pasando por Curtocircuíto e cuxa continuidade e cohesión fixo que queiramos destacalas como un grupo definido por características comúns concretas: o cinema en primeira persoa, o compromiso consigo mesmas e co seu entorno, o emprego de narrativas e historias non convencionais, que é producido dende a independencia e, sobre todo, a temática dos seus filmes. Neste aspecto, se ben o Novo Cinema Galego tiña un interese pola etnografía ou a paisaxe e as súas representacións, este novo grupo de cineastas amosa unha clara vocación por indagar en temas como a identidade e a intimidade, os conflitos de xénero, a sexualidade e o lugar dunha muller nunha sociedade que ten por asumir, dunha vez, un cambio de paradigma neses ámbitos. Un cinema fresco e arriscado que supón a renovación da escena cinematográfica galega.
En Curtocircuíto reunímolas neste foco para axuntar unha obra case colectiva onde os xéneros cinematográficos se mesturan e hibridan. Unha xeración que se consolidou nunha comunidade creativa a partir de espazos como Chanfaina LAB ou Novos Cinemas, onde os procesos creativos estiveron abertos a unha influencia mutua entre as cineastas. Estas pezas confirman a nosa idea de que os festivais deben de ser, ademais de espazos de exhibición, un punto de encontro, intercambio e produción de ideas. Anxos Fazáns, Lucía Estévez, Marta Valverde, Arancha Brandón, Ariadna Cordal García, Sol Mussa, Iria Silvosa, Aldara Pagán, Judith Adataberna e Lara e Noa Castro son as directoras e creadoras que proxectarán as súas obras nesta sesión especial.