SYNSPECIES Live A/V
Sala Capitol |21:00 h apertura de portas ás 20:30 h
Entrada libre previa retirada de entrada no despacho de billetes do Teatro Principal a partir de dous días antes do evento
SYNSPECIES Live A/V
SYNSPECIES é un proxecto audiovisual creado por Elías Merino e Tadej Droljc. O proxecto está inspirado en ecoloxías virtuais e espazos morfológicos inestables que emerxen dunha interacción devastadora de entidades audiovisuais coexistentes co baleiro. Este proxecto xurdiu tras longas discusións e derivas conceptuais sobre obxectos audiovisuais virtuais, paradigmas da arte dixital e exploración narrativa. A partir destas dicotomías, diálogos e conflitos, o dúo deu orixe ás bases dunha linguaxe audiovisual única que enmarcou SYNSPECIES.
A performance audiovisual homónima SYNSPECIES explora campos oníricos antinaturais habitados por obxectos audiovisuais de múltiples escalas que se adaptan, mutan, fusionan e loitan polo seu espazo e existencia. Estas entidades cocrean un mundo de fisicalidade irreal que é constantemente esculpido por forzas violentas externas. A súa existencia móstrasenos a través de narrativas fracturadas na percepción, suxerindo unha cadea de caos sincronizado. Xerando un tándem entre a composición algorítmica, os sistemas modulares Buchla e Serge do EMS (Estocolmo) e a síntese de xeometría 3D, as vívidas arquitecturas abstractas de SYNSPECIES flutúan nun tempo pulsante ambiguo que hibrida e dá forma a novos espazos confinados nun proceso de desintegración perpetua. Este proxecto explora os estados de desconcerto e visceralidade, enmarcados nunha sorte de vastedade sacra.
Coproducido por L.E.V. Festival, co apoio de Arcadi Île-de-France, ENCAC (The European Network for Contemporary Audiovisual Creation) e Consortium OSMO/ZA.
ELÍAS MERINO
Elías Merino é un compositor, artista sonoro e investigador multidisciplinar que vive entre España e o Reino Unido. Os seus proxectos recentes e en curso englóbanse nun abano ecléctico de diferentes estéticas dentro da instalación, a composición audiovisual e o son dixital exploratorio, que Elías desenvolve baixo diferentes pseudónimos. Desde a computer music abstracta e a electrónica inusual contemporánea ata a música instrumental acústica e a música de cámara deformada. Tamén está interesado en diferentes enfoques relacionados coa ficción e os futuros especulativos, a arte con novos medios, a materialidade posdixital, a composición orientada a obxectos e as Posthumanidades. O seu traballo foi exhibido e interpretado por festivais importantes, galerías e museos nos Estados Unidos, España, o Reino Unido, Taiwán, Eslovenia, a República Checa, Francia, Romanía, Portugal, Italia, Alemaña, Suecia, Polonia, Finlandia ou os Países Baixos. Os seus álbums publicáronse en diferentes selos, incluíndo Superpang, leerraum ou Room40. Elías ten un doutoramento en composición en CeReNeM (Centre for Research in New Music).
TADEJ DROLJC
Tadej Droljc é un artista e programador creativo de orixe esloveno que traballa no campo da música electrónica, a composición audiovisual xerada por ordenador e outras formas de arte multimedia. O seu traballo recente céntrase no que el chama “un enfoque pluralista da composición audiovisual en tempo real’, onde varias xerarquías entre o son e a imaxe coexisten dentro da composición. Os seus proxectos foron galardonados co Premio Estudiantil Lumen, a beca Dennis Smalley de música electroacústica e o premio ao videoartista máis prometedor do festival MADATAC. As súas obras amosáronse en festivais como Ars Electronica, L.E.V. Festival, Brighton Digital Festival, Semibreve, Marché du Film – Festival de Cannes, Node, Lunchmeat, Biennale NEMO ou Athens Digital Arts Festival, entre outros. Actualmente, está colaborando con Futurelab de Ars Electronica no proxecto Immersify .