#updates

Peter Greenaway convidado especial en Curtocircuíto 2017

Novas

O cineasta británico protagonizará a xornada inaugural de Curtocircuíto o sábado 30 de setembro.

Un dos pratos fortes desta edición será a presenza do controvertido cineasta Peter Greenaway, o noso convidado especial. Nado en Gales en 1942 e cunha formación como pintor e muralista, o excéntrico director, guionista e produtor británico, foi definido por Pela del Álamo como “un cineasta que, partindo da pintura, é quen de desenvolver todas as súas inquedanzas formais nunhas primeiras obras experimentais nas que desenrolou unha linguaxe que foi evolucionando a un cinema máis narrativo e accesible para todos os públicos. Esta versatilidade convérteo nun dos directores máis destacados na década dos 80 e os 90”.

Considerado unha das personalidades máis excéntricas do cinema británico e recoñecido pola súa persoal interpretación da realidade, segundo o noso director o seu cinema “combina a personalidade do cinema experimental coa accesibilidade das propostas máis narrativas. El é quen de combinar, como poucos cineastas contemporáneos, esas dúas vertentes. A súa formación interdisciplinaria encaixa á perfección co carácter interdisciplinario ao que tende, ano tras ano, Curtocircuíto”.

O nome de Greenaway súmase así ao doutros directores ilustres que nos visitaron en edicións anteriores, como Aki Kaurismaki, Jorgen Leth e Abel Ferrara, e, o mesmo que eles, participará nun encontro co público o domingo 1 de outubro.