#updates

Así foi Curtocircuíto 2020

Novas

Entre os pasados 3 e 11 de outubro celebramos a 17ª edición de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine en Santiago de Compostela e tamén a través das nosas canles dixitais e da nosa sede online en Filmin. A deste ano foi sen dúbida a edición máis desafiante do festival debido á crise sanitaria global que fixo que tivesemos que adaptar a programación constantemente e ata o último momento a esta nova realidade. Con todo, conseguimos celebrar Curtocircuíto con éxito, respondendo un ano máis ao risco creativo e a diversidade como puntos de partida en toda a programación e situando de novo á cidade como lugar de encontro para profesionais e amantes do cinema. 


Cinema de aquí. Cinema de alá

Cineastas de todo o mundo puideron mostrar as súas obras máis recentes durante o festival. Destacan nomes como os de Marie Losier, Laura Huertas Millán, Jessica Sarah Rinland, Ben Rivers, Lynne Sachs, Guy Maddin, Oskar Alegria, Luke Fowler, Rainer Kohlberger ou Mark Rappaport, entre outros moitos. 

Ademais, en Curtocircuíto convertémonos de novo un lugar de exhibición imprescindible para o gran potencial do cinema galego, estreando en Galicia obras como a aclamada Lúa Vermella de Lois Patiño, que chegará o 30 deste mes aos cinemas; retratando a realidade dos seus creadores en seccións como Planeta GZ ou Supernova con cineastas como Rafa de los Arcos, Dani Viqueira, Antía Carreira ou Marta Porto, entre outros moitos; e reunindo a unha nova xeración de mulleres cineastas cunha voz comprometida na sesión especial XX:novas_creadoras onde atopamos a Anxos Fazáns, Iria Silvosa, Marta Valverde ou Arancha Brandón, entre outras. Dentro da participación de cineastas de Galicia, destaca o recoñecemento obtido pola directora Enar de Dios que coa película Vestiges (an archipielago) programada na sección competitiva Planeta GZ que se alzou con dous dos nosos premios, o Premio Galiza e o Premio CREA á mellor dirección galega. 

O festival converteuse nun evento máis que demostra que a cultura é segura. Ademais, a pesar de todas as limitacións e restricións acometidas debido á crise sanitaria, o público noso respondeu dunha forma moi favorable esgotando as entradas dispoñibles en moitas das sesións.


Actividades online: o contido que chegou para quedar

Dentro do extenso programa deste ano deuse unha especial relevancia a toda unha serie de actividades online que buscaban expandir o festival a novos públicos a través de entrevistas con cineastas e mesas redondas con profesionais do sector que se podían seguir a través das redes sociais. 

Desta forma, as entrevistas cos cineastas norteamericanos Alex Cox e John Alan Simon serviron para afondar na figura do actor e director Dennis Hopper a quen le dedicamos un foco coa proxección de varias das súas películas, incluíndo a estrea en España en 4 K da copia restaurada da obra de culto Out of the Blue. Doutra banda, as mesas redondas reuniron a diversas personalidades do mundo do cinema e a imaxe como Carla Simón, Oliver Laxe, Celia Rico, Cristina de Middel, Eva Sangiorgi, José Luís Cienfuegos, Antonio Xoubanova ou Ricardo Cases, entre outros. 

Ademais, a gala de clausura desta edición, na que se outorgaron os diferentes premios dos xurados dentro das seccións competitivas, foi retransmitida a través de Youtube. Ao redor de 1.200 usuarios e usuarias participaron nas diferentes actividades online expostas nun formato que, sen dúbida, chegou para quedar. 


Filmin, sede online do festival: imprescindible

Este ano, a nosa asociación con Filmin creceu para converter á plataforma na nosa sede online oficial. Dadas as circunstancias, e ante as actuais restricións de aforo nas sedes habituais do festival, en Curtocircuíto decidimos apostar por esta vía como un xeito de chegar a máis público. E o éxito foi enorme. Só durante os 9 días do festival, preto de 11.000 espectadores e espectadoras viron a nosa programación en Filmin, que recollía a Sección Oficial, aglutinada á súa vez dentro de secciónelas RADAR e EXPLORA, a sección competitiva Penínsulas, coas últimas propostas de cinema do territorio nacional, e o Foco Dennis Hopper, dedicado ao icónico actor e director norteamericano. 


Curtocircuíto, un lugar de encontro profesional

Ademais, en Curtocircuíto volvimos xerar un ano máis un punto de reunión de multitude de profesionais relacionados co ámbito do cinema. Cineastas, produtores, realizadores ou guionistas puideron atoparse a través da edición presencial celebrada ou mediantes as canles dixitais activadas este ano. Ademais, no festival colaboramos con algunhas das escolas e institucións cinematográficas máis destacadas do país para converternos en espazo de acollida do seu alumnado e profesionais. Desta forma, na 17ª edición de Curtocircuíto contamos coa participación de centros como a Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, a Elías Querejeta Zine Eskola de San Sebastián, a ECAM de Madrid e con entidades como CREA, AGAG, Proxecta e a recentemente creada, Pantalla, entre outras. 

Doutra banda, nosa colaboración con Santiago Turismo, coa Santiago de Compostela Film Commision e con Cuarto Pexigo deu como resultado a creación dunha residencia artística este ano. Desta forma, o cruzamento de disciplinas e a exploración artística das diferentes artes visuais tomaron forma con esta residencia que acolleu ao arquitecto e fotógrafo canario Yosi Negrín. 


Palmarés do festival

Os diferentes xurados da última edición de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine tras as deliberacións oportunas decidiron outorgar os seguintes premios:

  • Premio Radar: Sun Dog, de Dorian Jespers

  • Mención especial Radar: Dustin, de Naïla Guiguet

  • Premio Explora: Look Then Below, de Ben Rivers

  • Premio Galiza: Vestiges (an archipielago), de Enar de Dios.

  • Mención especial Galiza: Blanco y Fucsia, de Marta Valverde.

  • Premio Penínsulas, patrocinado por RC Service: La sangre es blanca, de Óscar Vicentelli.

  • Mención especial Penínsulas: Los Páramos, de Jaime Puertas

  • Premio do Público, patrocinado por GADIS: Dustin, de Naïla Guiguet

  • Premio Xurado Novo: Pyrale, de Roxanne Gaucherand

  • Mención especial Xurado Novo: Sun Dog, de Dorian Jespers

  • Premio CREA á mellor dirección galega: Vestiges (an archipielago), de Enar de Dios.

  • Premio AGAG aó mellor guion galego: Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos

  • Mención especial AGAG: Onde dormen as gaivotas, de Dani Cornes

  • Premio Outra Compostela, patrocinado por Turismo de Santiago e Santiago de Compostela Film Commission: De sangue e cristais, de Lucía Ramiro, Bruno Arias, Miguel González, Beatriz FernándezMiguel García.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.