#updates

Recordar a réplica

Editorial

Longas x Curto aposta por un cinema que trascende da individualidade da concepción da obra á experiencia colectiva da proxección, onde os espectadores comparten o mesmo espazo dentro da pantalla. Curtocircuíto quere explorar esta liña a través de catro cineastas que non só traballan desde a propia produción de cinema, senón tamén desde a súa dimensión máis teórica ou desde campos como a programación e dirección de festivais de cinema.

Catro películas que falan sobre a memoria e o proceso da creación de recordos; catro realidades dispares que van desde o ensaio teórico de Those that a distance resemble another de Jessica Sarah Rinland, ao ensaio máis performativo de Zumiriki de Oskar Alegria, á ficción etnográfica de Lúa vermella de Lois Patiño, á lisérxica viaxe de Los conductos de Camilo Restrepo. Visións diferentes sobre un mesmo tema: que é un recordo? Son os recordos conceptos cravados no tempo da memoria ou son realidades non-estáticas que modificamos co paso do tempo? O cinema aquí xorde como unha ferramenta de traballo sobre a memoria, unha sorte de técnica de gravado onde o verniz da gran pantalla permite axudar a conservar estes relatos de outros tempo.

Podemos dividir esta sección en dous grandes bloques. O primeiro sería o documental, é dicir, Those that… Zumikiri que tratan de, durante o propio proceso, reflexionar sobre a memoria e a (im)posibilidade de evocala. Jessica Sarah Rinland apunta no seu filme, que a réplica pervivirá eterna, embalsamada no que antes era un celuloide e hoxe é un conxunto de ceros e uns, mentres que aquelo replicado segue a sucumbir aos cambios inevitables do tempo. Así, esa illa, esa zumikiri desaparecida volve a emerxer grazas ao relato de Oskar Alegría que desde o propio lugar da ausencia evoca o que xa non se pode ver.

O segundo bloque, o da ficción, aposta por unha representación onírica e psicodélica do que non está. Lúa Vermella Los conductos céntranse no diálogo xerado a partir da desaparición de dúas personaxes míticas: o Rubio de Camelle e Pinky. Dúas personaxes con biografías diferentes: un mariñeiro da Costa da Morte coñecido por rescatar a moitos compañeiros do mar, o outro un sin teito de Medellín que conseguiu fuxir da secta na que estaba atrapado; porén, dúas vidas que camiñan un mesmo camiño de forma inversa. Todo o mundo fala sobre quen foi o Rubio e pregúntase cando volverá, pola contra, Pinky fala sobre si mesmo para non volver a ser el.

Esta selección de filmes quere mergullarse no verniz do cinema. Nadar na imposibilidade teórica da inmobilidade temporal que permite unha arte que só existe no transcurso do tempo. Catro experiencias sensoriais diferentes onde o humor tamén estará presente. Catro versións dunha mesma pregunta: quen somos? Somos o produto do que recordamos, ou recordamos para poder ser outros?

Brais Romero Suárez