#updates

Dennis Hopper: estrea española da copia restaurada en 4K de 'Out of the blue'

Novas

Dennis Hopper foi un recoñecido actor, cineasta, realizador, fotógrafo e artista estadounidense, considerado unha das figuras máis icónicas e influentes do cinema contemporáneo. A súa primeira película como director, Easy Rider (1969), foi premiada no festival de Cannes e foi unha peza crave na substitución xeracional que se deu en Estados Unidos, abrindo paso a unha nova onda de creadores e cineastas.

Ademais de cineasta, Hopper foi recoñecido polo seu traballo diante das cámaras, que comezou na súa etapa universitaria grazas ao seu interese polo teatro. Tras o seu debut en 1954 como actor na recoñecida película Johnny Guitar, Hopper traballou xunto a un dos seus ídolos, James Dean, en Rebelde sin causa (1955) e Gigante (1956). Aos poucos foise facendo un oco en Hollywood e conseguiu papeis en películas tan destacadas como Apocalypse Now (1979), Terciopelo Azul (1986) ou Amor a quemarropa (1993).

Curtocircuíto dedicaralle un foco durante o festival mostrando unha selección de películas na súa faceta de director e activista contracultural, entre as que atopamos The Last Movie (1971), Out of the Blue (1980), The American Dreamer (1971) e Easy Rider (1969). Ademais, formará parte deste foco o documental Straight to Hell Returns (Alex Cox, 2010).

Entre os filmes seleccionados, destacan The Last Movie e The American Dreamer, unha especie de espiral metacinematográfica sobre os mesmos temas. A primeira céntrase na historia Kansas, un dobre de acción de cinema que decide quedar nun Perú fortemente afectado pola tormenta da rodaxe hollywoodiense; a segunda, é o documental de L. M. Kit Carson e Lawrence Schiller sobre a propia rodaxe e produción do filme desde a perspectiva do Hopper director. Contra estas dúas propostas case analíticas, Easy Rider e Straight to Hell Returns anotan o ton lisérxico e divertido tamén presente na carreira do cineasta estadounidense. A road-movie por excelencia, e ópera prima de Dennis Hopper, narra a viaxe ata o Mardi Gras de dous hippies a cabalo entre os psicotrópicos e as súas Harley Davidson. O filme de Alex Cox Straight to Hell, pola contra, propón unha viaxe máis surrealista ata as profundidades do deserto almeriense onde os vaqueiros beben demasiado café.

Entre a selección de películas de Hopper cabe destacar Out of the Blue xa que Curtocircuíto estreará en España a copia restaurada en 4 K. Os artífices desta versión son os produtores estadounidenses John Alan Simon e Elizabeth Karr que, co apoio de personalidades como Chloë Sevigny, conseguiron o financiamento necesario para recuperar esta película de culto. A nova versión de Out of the Blue foi estreada no último Festival de Venecia e con esta proxección Curtocircuíto quere render homenaxe á súa carismática protagonista Linda Manz, falecida o pasado mes de agosto. 

O Foco Dennis Hopper poderase ver ademais a través de Filmin, sede online do festival.