Longas x Curto: Patiño, Restrepo, Alegria e Rinland
Novas
Nesta edición programamos as primeiras ou segundas longametraxes de cineastas que levan moitos anos crecendo á beira do festival. Hai xa dez anos que dende Curtocircuíto exhibimos por primeira vez un traballo de Lois Patiño, do mesmo xeito que tamén fixemos a primeira retrospectiva de Jessica Sarah Rinland en España hai xa tres edicións, que ademais viña de participar na Sección Oficial un ano antes, onde resultou gañadora. Igualmente, en Curtocircuíto exhibimos con moito éxito as primeiras curtametraxes do colombiano Camilo Restrepo, que estará en Santiago por terceira vez. No caso de Oskar Alegria, aínda que os seus traballos anteriores non formaron parte das nosas programacións, como director do Festival Punto de Vista mantivo unha estreita colaboración con Curtocircuíto. Todos eles son hoxe cineastas recoñecidos no circuíto internacional.
En Longas x Curto exhibiranse Lúa Vermella de Lois Patiño (2020), Los Condutos de Camilo Restrepo (2020), Zumiriki de Oskar Alegria (2019) e Those That, at a Distance, Resemble Another de Jessica Sarah Rinland (2019). Todas elas estreadas en Berlinale, Venecia e Rotterdam, respectivamente.