#updates

Curtocircuíto 2020: unha edición chea de retos

Novas

Tras anunciar as 35 películas da nosa Sección Oficial, pechamos agora a programación presencial que reunirá o máis destacado do cinema actual a través dunha rica programación que non só exhibirá películas -tanto de forma presencial como a través de Filmin, sede online do festival-, senón que tamén ofrecerá concertos ou performances A/V.

Celebraremos a nosa 17ª edición do 3 ao 11 de outubro nun ano no que o cinema necesita máis apoio que nunca debido ao gran reto que está a supoñer a actual situación sanitaria. Na presentación, que tivo lugar hoxe no Concello de Santiago de Compostela, participaron Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Xosé Lois Penas, deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da AGADIC; e Pela del Álamo, director de Curtocircuíto. Durante 9 días, a cidade converterase en punto de referencia de profesionais e afeccionados ao cinema cun completo programa de actividades que gravitarán arredor das últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais.

Esta mañá anunciamos tamén os últimos detalles da programación, entre os cales destacan o Foco dedicado á figura imprescindible do director e actor Dennis Hopper; a sección Longas x Curto que mostrará os primeiros ou segundas longametraxes de cineastas consolidados e próximos ao festival como son Lois Patiño, Camilo Restrepo, Oskar Alegria ou Jessica Sarah Rinland; a recuperada sección Playlist, co documental que retrata á banda de rock industrial SWANS; os concertos e performances A/V de artistas singulares como Javier Diez Ena, Julián Mayorga, Elías Merino ou Amorante; e todo un conxunto de entrevistas e mesas redondas online que, desde calquera dispositivo dixital, nos permitirán achegarnos ao universo de personalidades como Alex Cox, Carla Simón, John Alan Simon, Eva Sangiorgi, Cristina de Middel, Celia Rico, Oliver Laxe, Carlos Muguiro ou Ricardo Cases, entre outros moitos.