#updates

Presentamos a Sección Oficial e os xurados

Novas

Do 3 ao 11 de outubro, abriremos de novo un espazo de reflexión sobre a realidade que nos rodea a través do cinema. Na nosa Sección Oficial desta edición de Curtocircuíto amosaremos a obra de autores dunha gran cantidade de países con culturas e pensamentos heteroxéneos. Articuladas nas seccións competitivas Radar e Explora, atoparemos pezas de cineastas imprescindibles e propostas daqueles que despuntan co seu traballo máis actual. Un total de 35 películas de 22 países diferentes con risco creativo, diversidade e novas linguaxes chegarán ás nosas salas á vez que se difundirán por todo o territorio español a través de  Filmin, a nosa sede online.

RADAR: cine narrativo nos límites da convención 

Recollemos en RADAR as propostas menos convencionais do cinema narrativo deste ano. Unha sección na que se dan propostas sinxelas como Une nuit a l'Opera de Sergei Loznitsa, un documental observacional elaborado a partir de imaxes de arquivo, ou máis rompedoras, como a análise filosófica-dixital de How to dissapear do Digital Disarmament Movement formado por Robin Klengel, Leonhard Müllner e Michael Stumpf. Neste 2020, autores coñecidos do festival como Mark Rappaport, Laura Huertas Millán ou Leonardo Moramateus acompáñannos nunha selección de películas que buscan reflexionar sobre fitos ou feitos xa coñecidos na procura de novas arestas da realidade. Tamén hai espazo para novos descubrimentos, como o brillante e psicodélico viaxe nocturno de Sun Dog dun novísimo Dorian Jespers ou o irreverente In The Air Tonight de Andrew Norman Wilson, centrado na canción homónima de Phil Collins. Realismo máxico, apocalipse dixital, novas identidades ou humor onírico, excepcionalmente fiado tanto polo sempre inquietante Guy  Maddin ou pola francesa Marie Losier, son outras das propostas presentes nunha sección que destaca pola súa heteroxeneidade.

  • A chuva acalanta a dor | Leonardo Mouramateus | Portugal, Brasil | 2020
  • Bugs & Beasts Before the Law | Sharlene Bamboat, Alexis Mitchell (Bambitchell) | Canadá, Alemaña, Reino Unido | 2019
  • Dustin | Naïla Guiguet | Francia | 2020
  • How to disappear | Leonhard Müllner, Robin Klengel, Michael Stumpf | Austria | 2020
  • I am afraid to forget your face | Sameh Alaa | Exipto, Francia, Qatar, Bélxica | 2020
  • In the Air Tonight | Andrew Norman Wilson | EEUU | 2020
  • JÍIBIE | Laura Huertas Millán | Colombia | 2019
  • L'année dernière à Dachau | Mark Rappaport | Francia, EEUU | 2020
  • Laguna Negra | Felipe Esparza | Perú, Francia | 2020
  • Playback. Ensayo de una despedida | Agustina Comedi | Arxentina | 2019
  • Pyrale | Roxanne Gaucherand | Francia | 2020
  • Quatorze ans | Barbara Carlotti | Francia | 2020
  • Stump the Guesser | Guy Maddin, Evan Johnson, Galen Johnson | Canadá | 2020
  • Sun Dog | Dorian Jespers | Bélgica, Rusia | 2020
  • TESTFILM #1 | Telcosystems | Croacia, Países Baixos | 2020
  • Une nuit à l’opéra | Sergei Loznitsa | Francia | 2020
  • Waste no6: How great | Jan Ijäs | Finlandia | 2019
  • Which is Witch ? | Marie Losier | Francia | 2020
  • White Goldfish | Jan Roosens, Raf Roosens | Bélxica | 2020

EXPLORA: unha estrea mundial e moitos desafíos

Abrindo novos camiños e desafiando o establecido, o cinema máis propositivo a nivel formal ten cabida en EXPLORA. Unha sección onde a imaxe e plasticidade da mesma xogan sempre a favor de reflexións sobre o colonialismo, como no caso de APIYEMIYEKÎ? de Ana Vaz (PÚLSAR 2016) ou Aggregate States of Matters de Rosa Barba. Nomes habituais neste apartado como Ben Rivers, Michael Fleming, Stefano Canapa ou Siegfried Fruhauf estarán presentes con propostas que van desde a reflexión sobre a vida humana a través da rapidísima montaxe de fotogramas de Tik Tak ata as propostas máis rupturistas que buscan mostrar o corpo da máquina de cinema na pantalla como Thorax. Destacan nesta sección a estrea mundial de Untitled de Takashi Makino, que constrúe un mecanismo visual a partir dunha serie de textos automatizados, e o director galego Adrián Canoura, que, tras ser apadriñado polo festival dende hai máis dun lustro, participa por primeira vez na Sección Oficial reflexionando en Da morte nace vida sobre a peza fundacional do cinema galego: Urxa.

  • A demonstration | Beny Wagner, Sasha Litvintseva | Alemaña, Países Baixos, Reino Unido | 2020
  • A Month of Single Frames | Lynne Sachs | EEUU | 2019
  • Aggregate States of Matters | Rosa Barba | Perú, Alemaña | 2019
  • APIYEMIYEKÎ? | Ana Vaz | Brasil, Francia, Portugal, Países Baixos | 2019
  • AQUAMARINE | Billy Roisz, Dieter Kovacic | Austria | 2019
  • Collapsing Mies | Claudia Larcher | Austria | 2020
  • Da morte nace a vida | Adrian Canoura | España | 2019
  • Further radical | Stefano Canapa | Francia | 2020
  • Houses (for Margaret) | Luke Fowler | Reino Unido | 2019
  • Kopierwerk | Stefanie Weberhofer | Austria | 2020
  • Look Then Below | Ben Rivers | Reino Unido | 2019
  • Mikä aika on? | Niina Suominen | Finlandia | 2020
  • There must be some kind of way out of here | Rainer Kohlberger | Alemaña | 2020
  • Thorax | Siegfried A. Fruhauf | Austria | 2019
  • Tik Tak | Michael Fleming | Países Baixos | 2020
  • Untitled | Takashi Makino | Xapón, Australia, Taiwán | 2020

Un xurado interdisciplinario

Anunciamos hoxe tamén os nosos xurados para as diferentes seccións competitivas do festival na que atopamos profesionais de diversas áreas relacionadas coa creación artística e audiovisual. Na Sección Oficial, o xurado de RADAR estará integrado pola fundadora da distribuidora brasileira Vitrine Films, Silvia Cruz, o director, produtor e comisario xeral de CATAPULTA do festival FICUNAM de México, Ivan Granovsky e a compositora e cantante catalá María Rodés. Manuel Asín, coordinador da área de Cinema do Círculo de Belas Artes de Madrid, o cineasta Velasco Broca e Rocío Mateo-Sagasta, responsable de música e audiovisuais de La Casa Encendida, serán os encargados de deliberar sobre a sección EXPLORA. 

Planeta GZ e Penínsulas contarán a artista visual Laura Iturralde, a investigadora audiovisual Marta Pérez Pereiro e o director do festival Play-Doc Ángel Sánchez. Pola súa banda, o  Xurado Novo estará integrado polas cineastas Judith Adataberna e Clara Rus, a artista plástica Elena Galilea, a tradutora Alba Doval e a música María Gallego. No caso de AGAG, este ano formarán o xurado os guionistas José Antonio Cascudo, Enrique Lojo e Ángela Andrada. Por último, os cineastas Xes Chapela, Anxos Fazáns e Berio Molina outorgarán o premio CREA á mellor dirección galega.