#updates

As novas xeracións de cineastas, protagonistas do cine galego en Curtocircuíto 2020

Novas

Ás nosas coñecidas seccións Planeta GZ e Supernova, sumamos nesta edición a sesión especial XX:novas_creadoras, adicada a un conxunto de cineastas galegas entre as que se atopan Anxos Fazáns, Lucía Estévez, Marta Valverde, Arancha Brandón, Ariadna Cordal, Sol Mussa, Iria Silvosa, Aldara Pagán, Judith Adataberna e Lara e Noa Castro.

Como cada ano, en Curtocircuíto poñemos en valor o talento galego nunha programación na que unimos ás novas xeracións de cineastas cos autores máis recoñecidos do panorama nacional. Ademais facemos nesta edición (3-11 outubro) a nosa maior aposta polo traballo das artistas que están a marcar un antes e un despois dentro do audiovisual galego no foco XX:novas_creadoras, que xunto ás películas da sección competitiva Planeta GZ, a sección  Supernova e a estrea galega de Lúa  Vermella, de Lois Patiño, sumarán máis dunha trintena de traballos de creadores e creadoras de Galicia. Dende a 17ª edición de Curtocircuíto reivindicamos, un ano máis, os festivais como puntos de encontro, intercambio e produción de ideas.

PLANETA GZ: a heteroxeneidade da escena galega 

Na nosa sección competitiva Planeta GZ reunimos as propostas máis interesantes e arriscadas do panorama audiovisual galego. Autores xa coñecidos polo festival como Rafa de los Arcos, director de Todo el mundo se parece de lejos; e Dani Viqueira, director de La penumbra; estarán presentes xunto a cineastas que participarán por primeira vez en Curtocircuíto; Enar de Dios co seu ensaio documental Vestiges (an archipelago), e Dani Cornes coa ficción Onde dormen as gaivotas. Tamén contaremos cos traballos dalgunhas das autoras protagonistas da nova xeración de cineastas galegas que, tras pasar pola sección Supernova en anteriores edicións, chegan agora a Planeta GZ: MARCAS, de Aldara Pagán; A loba, de Iria Silvosa; As horas cegas, das irmás Lara e Noa Castro; e Blanco y fucsia, de Marta Valverde. Por último, Brandán Cerviño, director de Hai unha virxe alí arriba; o finalista nos premios Goya David Fidalgo Omil, autor da película de animación REALITY, e Mare, o primeiro traballo de ficción de Guille Vázquez como director, completan a selección xunto a Notas sobre a habitabilidade en A Barca, unha película do colectivo Cinema Semente que nace da utopía dun espazo cinematografico no rural galego.

SUPERNOVA: talento incipiente 

En Curtocircuíto creamos Supernova hai xa tres edicións para que cineastas emerxentes puidesen presentar, defender e acompañar as súas películas por primeira vez nun circuíto profesional e salvar así a brecha existente entre os centros de formación e os festivais. Desde o documental, a comedia, o vídeo ensaio ou a ficción máis clásica estas películas tratan temas como o sentimento de pertenza, a depresión, as relacións materno-filiais ou os incendios forestais. Novas formas de entender e de facer o cinema que mostran o que será a realidade do cinema galego nun futuro non moi lonxano. Os cineastas Nacho Ozores con Mentres iso pasa, Ángel Filgueira con FIN, unha curtametraxe de Ángel Filgueira anteriormente coñecida como “Sen título”, Ariadna Cordal con ¿Papá, por qué quitas la música?, Antía Carreira con Video-ensaio sobre a miña depresión, Pablo Aguilar Martín con Toda aspereza; estarán presentes na sección Supernova xunto a Ariadna Fernández Silva e a súa película Cartografía do esquecemento, Aranxa Vicens directora de Naoko, Daniel Pérez Silva e a película Garza, Yuri Salgado Álvarez con Retrato de un hogar, Marta Porto con Los que no sienten, e Raquel Álvarez Méndez, que completa a selección co seu filme, Rubí. 

FOCO XX:novas_creadoras: a voz dunha xeración comprometida

No festival queremos poñer en valor a unha xeración de mulleres cineastas valentes e xenuínas  que, desde 2016, foron pasando por Curtocircuíto e cuxa continuidade e cohesión fixo que queiramos destacalas como un grupo definido por características comúns concretas: o cinema en primeira persoa, o compromiso consigo mesmas e co seu entorno, o emprego de narrativas e historias non convencionais, que é producido dende a independencia e, sobre todo, a temática dos seus filmes. Neste aspecto, se ben o Novo Cinema Galego tiña un interese pola etnografía ou a paisaxe e as súas representacións, este novo grupo de cineastas amosa unha clara vocación por indagar en temas como a identidade e a intimidade, os conflitos de xénero, a sexualidade e o lugar dunha muller nunha sociedade que ten por asumir, dunha vez, un cambio de paradigma neses ámbitos. Un cinema fresco e arriscado que supón a renovación da escena cinematográfica galega.

En Curtocircuíto reunímolas neste foco para axuntar unha obra case colectiva onde os xéneros cinematográficos se mesturan e hibridan. Unha xeración que se consolidou nunha comunidade creativa a partir de espazos como Chanfaina LAB ou Novos Cinemas, onde os procesos creativos estiveron abertos a unha influencia mutua entre as cineastas. Estas pezas confirman a nosa idea de que os festivais deben de ser, ademais de espazos de exhibición, un punto de encontro, intercambio e produción de ideas. Anxos Fazáns, Lucía Estévez, Marta Valverde, Arancha Brandón, Ariadna Cordal García, Sol Mussa, Iria Silvosa, Aldara Pagán, Judith Adataberna e Lara e Noa Castro son as directoras e creadoras que proxectarán as súas obras nesta sesión especial. 

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña e AGADIC.