#updates

Curtocircuíto estreará en Galicia 'Lúa Vermella', a última película de Lois Patiño

Novas

Por fin podemos anuncialo! Nesta edición de Curtocircuíto estrearemos en Galicia Lúa Vermella, a última película do cineasta Lois Patiño. Será nunha proxección que terá lugar no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e do elenco artístico da película. Desde Curtocircuíto facemos un ano máis unha clara aposta a favor do audiovisual galego, que ocupará un lugar moi importante nosa programación deste ano.

Lois Patiño afonda con Lúa Vermella no universo retratado na súa ópera prima, Costa da morte, traballo polo que recibiu, entre outros, o premio a Mellor Director Emerxente no Festival de Locarno. En Lúa Vermella traballa arredor da lendas e crenzas galegas. A película crea un novo mito ao redor da historia real do Rubio de Camelle, un mergullador que recuperou máis de 30 cadáveres de náufragos perdidos no mar. É por tanto, unha película que reflexiona sobre a relación coa morte en Galicia, o seu proceso de duelo e os mitos que esperta un lugar onde, historicamente, a relación cos mortos era dunha maior convivencia.

O cineasta mostrouse, nas súas propias palabras "moi contento por poder compartir, por fin, a película en Galicia despois de ter que pospoñer a estrea tras estes meses difíciles que vivimos; teño moita curiosidade por ver que sensacións transmite ao público de Galicia. E contentos tamén por poder facer a estrea galega da man de Curtocircuíto, é un lugar óptimo”. Felipe Lage (Zeitun Films), produtor da longametraxe, concorda con Patiño ao comentarnos que no equipo “estamos encantados de estrear a película en Galicia nun festival tan comprometido co cinema como é Curtocircuíto”.

Lúa Vermella compite actualmente na Sección ZonaZine da 23 edición do Festival de Málaga, a súa presentación estatal terá lugar mañá martes no Teatro Albéniz desa cidade. Tras o seu paso polo festival andaluz, o filme do director vigués continuará o seu camiño por numerosos certames internacionais ata o próximo mes de outubro, no que chegará ao noso festival para a súa estrea galega. Producida por Zeitun Films e Amanita StudioLúa Vermella estrearase en cinemas o próximo 30 de outubro da man da distribuidora Elamedia Estudios.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña e AGADIC.