#updates

Curtocircuíto ♡ Filmin

Novas

En Curtocircuíto somos moi fans de Filmin. Por iso, dende o 2017, contamos co Canal Curtocircuíto no que cada edición, durante un mes, compartimos convosco as nosas películas favoritas de entre as que pasan polo festival. Dadas as circunstancias, neste 2020 ampliar a nosa colaboración era inevitable e por iso Filmin convértese na nosa sede online.

Durante a celebración do festival, do 3 ao 11 de outubro, atoparedes nesta plataforma varias das seccións habituais de Curtocircuíto, entre elas, as nosas seccións oficiais Explora e Radar ou as nosas retrospectivas. E como a ocasión o merece, temos un agasallo especial para celebralo: sorteamos un ano de subscrición básica a Filmin entre todas as persoas que estean inscritas á newsletter do festival antes do 21 de setembro!

Animámosvos a que compartades esta boa nova, pero lembrade que non estaremos soamente na rede. Se a situación sanitaria o permite, seguiremos con proxeccións e eventos puntuais nas nosas sedes habituais en Santiago de Compostela. Agardámosvos en outubro cun Curtocircuíto a prol da #culturasegura.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que está organizado polo Concello de Santiago e conta co apoio da Deputación da Coruña e a AGADIC, desvelará máis contidos da súa programación nas próximas semanas.