#updates

Volve Curtocircuíto do 3 ao 11 de outubro

Novas

Hoxe facemos públicas as datas da nosa próxima edición: do 3 ao 11 de outubro deste 2020. Dadas as limitacións xurdidas da crise COVID-19, para esta décimo sétima edición do festival propoñemos un formato reducido e mixto que combinará a programación online, a través da plataforma Filmin e das redes sociais do festival, cunha serie de proxeccións e eventos puntuais nas nosas sedes habituais en Santiago de Compostela. Aínda que nun formato compacto, queremos que Curtocircuíto continúe sendo un punto de encontro e lugar para a confluencia de distintas disciplinas, mantendo como eixo principal o cine de autor e a aposta polas linguaxes contemporáneas.

convocatoria para a recepción de películas a competición queda aberta desde hoxe ata o próximo 10 de agosto a través da plataforma ShortFilmDepot. Malia a redución de programación, manteremos as catro seccións competitivas tradicionais: Radar, Explora, Planeta GZ e Penínsulas, co obxectivo de preservar a esencia de Curtocircuíto.
    
Todos as persoas implicadas no festival traballamos a favor dun modelo de #culturasegura nos eventos en vivo e apelamos ao seguemiento de estritas medidas hixiénico-sanitarias e á responsabilidade de todas e todos para poder levalos a cabo. En calquera caso, a celebración dos eventos presenciais que estamos preparando quedará condicionada á situación sanitaria do momento.

Para rematar, desde Curtocircuíto, queremos manifestar a nosa solidariedade con todos os eventos culturais que, polas circunstancias actuais, non puideron celebrarse tal e como estaban previstos.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que desvelará máis contidos da súa programación nas próximas semanas, está organizado polo Concello de Santiago e conta co apoio da Deputación da Coruña, o Consorcio de Santiago e a AGADIC.