#updates

Blixa Bargeld, Myriam Bleau, Vessel e Pedro Maia estarán en Curtocircuíto

Novas

Blixa Bargeld visitará Galicia por primeira vez en solitario! O alemán, figura imprescindible na música europea das últimas catro décadas, ofrecerá unha performance vocal en Curtocircuíto o sábado 5 de outubro. Ademais tamén contaremos cos live A/V do compositor e produtor inglés Vessel xunto ao cineasta portugués Pedro Maia; con Ballistics, da canadense Myriam Bleau; con RŪGA, colaboración entre a artista visual Marta Verde, o creador sonoro Artur M. Puga e o coreógrafo e investigador Javier Martín comisariada por Curtocircuíto; e co concerto de Trifulca.

Blixa Bargeld, figura esencial da música europea nos últimos 40 anos

Blixa Bargeld (Berlín Occidental, 1959) é guitarrista, compositor, intérprete, actor e poeta. En 1980 fundou o grupo pioneiro de música industrial Einstürzende Neubauten, do que segue sendo líder e  vocalista. Ademais, de 1984 a 2003 foi guitarrista e vocalista da lendaria banda Nick Cave & the Bad Seeds. Nos últimos anos traballou xunto ao enxeñeiro de son de Einstürzende, Boris Wilsdorf, nunha serie de experimentacións vocais, como a que presentará no festival. Neste espectáculo, Bargeld cuestionará a concepción habitual de termos como ‘fala’, ‘son’ e ‘música’ e, xunto a el, poderemos presenciar como a súa característica voz se transforma para crear da nada estruturas acústicas, atmosferas sonoras e estrañas cacofónicas sen empregar samples nin pistas pregravadas: todo será creado en directo no escenario coa colaboración de Wilsdorf aos mandos.

De arriba a abaixo, de esquerda a dereita: Myriam Bleau, Vessel, RŪGA, Trifulca.

Explorando a relación entre imaxe, luz e movemento

A compositora e artista dixital Myriam Bleau viaxará dende Canadá para presentar o seu espectáculo Ballistics na sesión inaugural deste Curtocircuíto, que celebraremos o próximo 28 de setembro na Sala Capitol. Nesta performance audiovisual empregará péndulos luminosos equipados con sensores de movemento para crear paisaxes e ritmos desiguais. Myriam ten presentado os seus traballos en festivais como Ars Electronica (AT), Sónar (ES), Sonic Arts Award (IT), Mutek (MX), Transmediale (DE), ACT (KR), LEV (ES), Scopitone (FR), etc.

 

 

Visitará Galicia tamén por primeira vez o tándem formado polo músico británico Vessel e o cineasta portugués afincado en Berlín Pedro Maia, que levan máis dun lustro colaborando. Maia, que xa estivo no noso festival no 2016, é coñecido polo seu uso innovador de técnicas cinematográficas analóxicas e deseñou un acompañamento visual sublime para Queen of Golden Dogs (2018), último traballo de Vessel. O seu espectáculo terá lugar o venres 4 de outubro na Sala Capitol.

Fainos tamén moita ilusión poder xuntar para a ocasión á artista visual Marta Verde, ao creador sonoro Artur M. Puga e ao coreógrafo e investigador Javier Martín, que crearon unha performance arredor da luz e o movemento en exclusiva para Curtocircuíto: RŪGA. Nela os tres fusionarán o corpo coa imaxe en movemento e a síntese modular, todo iso articulado a través da improvisación, a retroalimentación e o estudo do ritmo e da luz en tempo real. Tres artistas galegos que son presente e futuro da nosa escena. Será no Teatro Principal o xoves 3 de outubro.

O cartel de concertos e performances desta edición 2019l péchao o dúo compostelán Trifulca, formado por Carlos Gómez e Guillermo Cavero, ambos prolíficos artistas que formaron parte de bandas como Puma Pumku ou Vozzyow. Agora deixaron as guitarras a un lado e somerxeron as súas ambicións na música electrónica, o dark techno e o quakin bass

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que fará públicos os horarios e porá á venta as entradas destes espectáculos nas próximas xornadas, está organizado polo Concello de Santiago, e financiado, entre outros, pola Deputación de A Coruña, AGADIC e o ICAA.