#updates

Buscamos 30 persoas voluntarias para Curtocircuíto 2019

Novas

Buscamos 30 persoas que queiran experimentar dende dentro o festival, contribuíndo en tarefas de apoio á organización de Curtocircuíto 2019. O prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de setembro e o alumnado da USC poderá obter 1 crédito ECTS por participar como voluntariado.

Un ano máis, Curtocircuíto colabora coa Universidade de Santiago na inscrición de persoas voluntarias que queiran participar na organización do Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela. Este ano, buscamos 30 voluntarios e voluntarias, con interese cultural e con moitas ganas de colaborar nas labores básicas de produción do festival: asistencia a convidados, asistencia ao equipo nas salas de proxección, supervisión das actividades paralelas, axudantía na oficina do festival... Ademais, as persoas voluntarias poderán asistir ás proxeccións, gozar dos encontros, participar en actividades como obradoiros e coloquios ou asistir aos actos de presentación e clausura. A colaboración será sempre en tarefas de apoio, que en ningún caso implicarán o desenvolvemento de labores profesionais nin a asunción de responsabilidades.

O horario será flexible, en función da dispoñibilidade e en quendas de mañá ou de tarde. O prazo de inscrición remata o 20 de setembro.

As persoas interesadas deben inscribirse a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU). Aquelas que sexan estudantes da USC poderán obter 1 crédito ECTS a cambio da súa participación, pero o voluntariado está tamén aberto a persoas sen vinculación coa universidade. Todos os detalles e información sobre a inscrición están dispoñibles neste enlace.