#updates

Cine galego en Curtocircuíto 2019: Planeta GZ, Terra e Supernova

Novas

Nesta edición contaremos con doce pezas na sección competitiva Planeta GZ, coa obra do fotógrafo vigués Nacho Alonso protagonizando Terra e con algúns dos novos creadores e creadoras máis prometedores do país na programación de Supernova.

Fotograma de 'Como desparecer', de Carlos Martínez-Peñalver (Planeta GZ)

No noso décimo sexto aniversario seguimos apostando pola creación galega en varias seccións dedicadas en exclusiva ao noso audiovisual. Ademais da proxección xa anunciada de O que arde (2019) de Oliver Laxe, esta edición estará marcada pola homenaxe que o festival e o Cineclube de Compostela lle adicamos ao Equipo Lupa e a Euloxio R. Ruibal, pioneiros do cinema amateur en Galicia. Na nosa sección competitiva Planeta GZ, seguimos apostando por unha visión crítica da realidade que atopa na experimentación novos camiños para expresarse; o fotógrafo vigués Nacho Alonso será o protagonista da sección Terra, o espazo do festival que reservamos para poñer o valor dunha figura galega de prestixio e, finalmente, Supernova volverá acoller as primeiras obras de cineastas de Galicia.

Fotograma de Os prexuízos da auga, de Santos Díaz (Planeta GZ)

Nun contexto no que a creación cinematográfica galega vive un dos seus momentos de maior relevancia internacional, queremos achegarvos a obra de artistas e creadores do país ao longo de toda a nosa programación. Por iso, a sección competitiva Planeta GZ volverá reflectir a riqueza e variedade do cinema galego actual, con estéticas, temáticas, xéneros e mesmo procedencias ben diferentes. Nesta edición estará composta por 16 de decembro, de Álvaro Gago; Rexistros (xeografía de San Sadurniño), de Adrián Canoura; Analóxica, de Anxos Fazáns; Arrolo, de Lucía Estévez; La jovencita no envejece, se descompone; de Álvaro F. Pulpeiro; Como desaparecer, de Carlos Martínez-Peñalver, Joven y Carmen, de Borja Santomé; En la boca de la mina, de Brandán Cerviño; Limbo, de Dani Viqueira; Os prexuízos da auga, de Santos Díaz, e Glimpses on devil eye e Parpadeo, ambas de Judith Adataberna.

Fotografía parte de Solar, de Nacho Alonso

Fotografía parte de Solar, de Nacho Alonso (Terra)

Mantendo o noso carácter interdisciplinario, o fotógrafo vigués Nacho Alonso progatonizará a sección Terra, adicada a autores e autoras galegos que contan xa cun universo creativo sólido ao longo de diferentes obras ou formatos. Con esta elección queremos reivindicar a obra de Alonso, que gravita entre a escuridade da noite e as sombras da  adicción.

Supernova, pola súa banda, volverá ser ese espazo creado para acoller o traballo de cineastas cunha traxectoria incipiente. Dez novas voces conforman esta sección na que se proxectarán Hoy no va a llover, de Lautaro Herrera Batallán; O que precede a caída é branco, de Aldara Pagán; O que medra por dentro, de Nacho Ozores; A ninguna parte, de Pedro Vilas; 1 de 8.000, de Marta Valverde; Casting, de Lucía Estévez; O Enterrador Bejins, de Alejandro Sixto García; La magdalena de Proust, de Adela Dávila; Stockroom, de Sol Mussa e A typical morning, de Arancha Brandón.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que desvelará máis contidos da súa programación nas próximas semanas, está organizado polo Concello de Santiago, e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.