#updates

Curtocircuíto acollerá a preestrea de 'O que arde' de Oliver Laxe

Novas

Tras ser premiado no Festival de Cannes, o filme terá unha das súas preestreas en Galicia en Curtocircuíto o próximo martes 1 de outubro nunha sesión especial no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Fotograma de O que arde

Fainos moita ilusión anunciarvos que dentro da próxima edición de Curtocircuíto, que celebraremos entre o 28 de setembro e o 6 de outubro, acolleremos a preestrea galega de O que arde, o último filme de Oliver Laxe, producido pola galega Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula e Kowalski Films. Esta sesión especial terá lugar o martes 1 de outubro ás 22:30h no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme.

O pasado mes de maio, Oliver Laxe fixo historia ao converterse no primeiro cineasta español xunto a Víctor Erice en ser seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras e o único en ser premiado en todas as súas participacións. No certame, O que arde fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial – Un  Certain  Regard de Cannes, o Premio á Mellor Creación Sonora da sección. O filme, que ven de convertirse nun dos catro españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo terá a súa estrea estatal no festival de San Sebastián no mes de setembro. Ademais nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos do circuíto como Toronto ou Nova York antes de chegar ás salas comerciais o próximo 11 de outubro da man de NUMAX Distribución.

En Curtocircuíto continuaremos nesta edición coa nosa aposta firme a prol do audiovisual galego. Nas próximas semanas faremos públicos os contidos de seccións xa habituais como Planeta GZ, sección competitiva que reflicte ano a ano riqueza e variedade do cinema galego actual; Terra, adicada a artistas de Galicia cunha obra consistente e personal; Supernova, na que se amosan os primeiros traballos de creadores e creadoras que non teñen fácil acceso aos espazos de difusión; e unha prometedora sesión especial en colaboración co Cineclube de Compostela.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.


Dixeron de O que arde…

"Unha película dunha beleza tan provocadora como hipnótica" (El Mundo)

"O que arde confirma a Oliver Laxe como unha das voces máis atrevidas e insólitas do cinema español" (Fotogramas)

“Dunha potencia visual exuberante” (El País)

“Unha película incandescente e poderosa” (Première)

“Unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante” (The Hollywood Reporter)

“A nova película de Oliver Laxe caldea a escena cinematográfica internacional. En O que arde, a furia dos incendios galegos contrasta coa sobria crónica rural que Laxe nos presenta. Unha película na que nada parece suceder, pero que nos mantén atentos a cada segundo, como só os grandes cineastas saben facer” (Transfuge)