Peter Tscherkassky, Joan Fontcuberta e Laura Huertas Millán, primeiros nomes de Curtocircuíto 2019
NovasPeter Tscherkassky será o protagonista da retrospectiva principal, a Joan Fontcuberta concederémoslle unha Carta Branca ademais de impartir unha clase maxistral e Laura Huertas Millán protagonizará a sección Púlsar, na que en cada edición destacamos o traballo de cineastas novas

Desde o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela anunciamos hoxe os primeiros nomes da nosa 16ª edición, que se celebrará entre o 28 de setembro e o 6 de outubro. Trátase do cineasta e teórico austríaco Peter Tscherkassky, a quen lle dedicaremos unha retrospectiva; do fotógrafo e ensaísta Joan Fontcuberta, a quen convidamos a presentar unha Carta Branca e a dar unha clase maxistral; e da artista e cineasta franco-colombiana Laura Huertas Millán, que protagonizará a sección Púlsar. En Curtocircuíto continuamos coa nosa aposta por traer a Galicia grandes nomes ao lado de novas figuras do cinema e a cultura visual contemporáneas, nun programa sempre comprometido coa calidade artística, as últimas tendencias cinematográficas e a interdisciplinariedade.
Peter Tscherkassky (Viena, 1958) é un dos grandes do cinema de vangarda que, ademais de acumular unha ampla e potente filmografía, ten un extenso traballo ensaístico sobre a historia e teoría do cinema. En 1979 comezou a realizar películas en Super 8. En 1991 fundou a recoñecida distribuidora Sixpackfilm (unha das nosas colaboradoras) con Brigitta Burger-Utzer. E en todos estes anos, realizou case unha trintena de películas, entre as que se atopan Trilogy of CinemaScope (1997-2001) –formada polos filmes L'arrivée, Outer Space e Dream Work–, Instructions for a Light and Sound Machine (2005), Coming Attractions (2010) e The Exquisite Corpus (2015), que formarán parte da selección que proxectaremos en Curtocircuíto. Peter, recibiu preto de cincuenta premios, incluíndo o Golden Gate Award (San Francisco), o Gran Premio da Internationale Kurzfilmtage Oberhausen (Alemaña) e o Premio á Mellor Curtametraxe do Festival Internacional de Cine de Venecia.
Desde Curtocircuíto queremos ofrecervos a oportunidade de gozar en pantalla grande dunha das filmografías máis controvertidas, elocuentes e transgresoras do cinema actual. A súa técnica de traballo artesanal co celuloide desafía toda convención, movéndose entre a ruptura da linguaxe e a creación dun universo visual cunha forte carga erótica e sexual. Todas as pezas desta retrospectiva serán proxectadas en celuloide.
Joan Fontcuberta (Joan Fontcuberta)
Nesa transgresión dos valores tradicionais da imaxe habita tamén o fotógrafo e ensaísta Joan Fontcuberta (Barcelona, 1955), a quen concedemos unha Carta Branca. O catalán, desenvolveu unha actividade plural no mundo da fotografía como creador, docente, crítico, comisario e historiador. Nun momento histórico no que as imaxes son un dos alicerces da sociedade, Fontcuberta eríxese como a figura clave na análise dese capitalismo visual. O seu traballo como ensaísta reflíctese na súa fotografía, onde reflexiona sobre a creación de novas realidades e non tanto sobre a representación da mesma. Sempre buscando a subversión e a visión crítica, Fontcuberta, que se move con soltura no campo do fake, é un dos teóricos detrás do concepto postfotografía.
É autor dunha ducia de publicacións, como El beso de Judas. Fotografía y Verdad (1997), Ciencia y Fricción (1998), La cámara de Pandora (2010) e La furia de las imágenes (2016). A súa obra foi exposta no MoMA de Nova Iorque, o Art Institute de Chicago, na Maison Européenne da Photographie de París ou no Science Museum de Londres.
Aequador (Laura Huertas Millán, 2012)
Continuando con esta subversión da realidade, a sección Púlsar, coa que en cada edición poñemos en valor a cineastas novos, estará dedicada este ano ao traballo de Laura Huertas Millán (1983), artista e cineasta franco-colombiana cuxa práctica cinematográfica parte da etnografía para desembocar nunha sorte de ciencia ficción mesturada con fantasía e falso documental. Foi investigadora asociada do Sensory Ethnography Lab (2014) e do Film Study Center (2014-2017), ambos da Universidade de Harvard, e, entre 2009 e 2012, desenvolveu unha serie de pezas ao redor do exotismo vinculado aos grandes relatos de conquistadores e viaxeiros, entre as cales se atopan Journey to a land otherwise unknown (2011) e Aequador (2012), rodadas entre xardíns botánicos europeos e a Amazonía colombiana, e que combinan fantasía, ciencia ficción e falso documental, para desenterrar representacións coloniais e desmontar as súas proxeccións de poder. En 2012 comezou unha serie sobre ‘ficcións etnográficas’, onde se enmarcan os seus filmes Sol Negro (2016), La Libertad (2017), jeny303 (2018) e The Labyrinth (2018). As súas pezas recibiron premios en festivais como FIDMarseille, Doclisboa, Frontera Film Festival, o festival de documentais de Bogotá (MIDBO), Videobrasil e a Bienal de la Imagen en Movimiento en Bos Aires.
O cinema de Huertas Millán corrobora a desaparición das fronteiras tradicionais entre documental e ficción. Empregando ferramentas dos dous campos, Laura constrúe relatos que afondan nas nosas raíces culturais e na nosa forma de entender o mundo. A sección Púlsar revisará a obra completa desta cineasta, nun dos primeiros focos que se realizan en España sobre o seu traballo.
Na nosa 16ª edición, desde Curtocircuíto seguimos afondando na ruptura do formato clásico dos eventos cinematográficos propoñendo contidos interdisciplinarios, mantendo como eixo principal o cinema de vocación artística e a aposta polas linguaxes contemporáneas. Ademais das proxeccións, Curtocircuíto ofrecerá tamén espectáculos audiovisuais, propostas formativas e diversas performances en distintos espazos da cidade.
O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que desvelará máis contidos da súa programación nas próximas semanas, está organizado polo Concello de Santiago, e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.