#updates

Palmarés Curtocircuíto 2018

Novas

Onte celebramos a gala de clausura da nosa 15ª edición e desvelamos os diferentes premios do noso palmarés. Parabéns aos premiados e premiadas!

Foto de Aigi Boga

Onte entregamos os diferentes premios do noso palmarés na nosa gala de clausura, que conduciu o humorista Carlos Meixide. Descubrimos os filmes que os diversos xurados e o público do festival escolleron premiar, nun reflexo da variedade e o risco que caracterizan o espírito de Curtocircuíto.

Un bo exemplo deste espírito é Monelle, o filme do italiano Diego Marcon que foi seleccionado polo xurado Explora para recibir o premio de esa categoría, valorado en 3.000 €. A cineasta e artista Jessica Sarah Rinland, o director do FIDMarseille Jean-Pierre Rehm e o programador Antonio Rodrigues afirmaron ter visto “unha cantidade extremadamente rica e variada de filmes, con enfoques tanto tradicionais como formais”, pero decidiron unanimemente premiar esta película que funciona “alternando entre o negro e a imaxe detrás do negro, pero sen esquecer a negra noite. Alternando sons dende un golpe a simples pegadas. Todo isto chega por sorpresa, como un pesadelo - Monelle ofrécea como unha cerimonia”. O xurado Explora decidiu dar tamén dúas mencións especiais, aos filmes Sombra luminosa, dos portugueses Francisco Queimadela e Mariana Caló, e Word for Forest, da danesa Pia Rönicke.

O premio de Radar, a outra categoría da sección oficial, foi para o filme Solar Walk, da directora e animadora húngara Réka Bucsi. O xurado desta categoría, composto polo investigador Aarón Rodríguez Serrano, a sonidista Amanda Villavieja e o cineasta Kikol Grau, seleccionou esta película “pola súa sensibilidade e a súa riqueza formal, así como a súa capacidade para visualizar os grandes problemas da existencia con humor, tenrura e sinxeleza”. Ademais deste galardón, dotado tamén con 3.000 €, outorgan dúas mencións especiais, unha a Las fuerzas, da arxentina Paola Buontempo, e outra a Proch, do polaco Jakub Radej.

No caso do premio Galiza, o filme gañador foi Uluru, de Alberte Pagán, a única película galega que participou na sección Explora. O xurado, composto polo actor Antonio Durán “Morris”, a investigadora e cineasta Keina Espiñeira e o artista Misha Bies Golas, valorou “a súa linguaxe contundente e provocadora, que fai da obra un exercicio de liberdade” para facela merecedora deste premio dotado con 2.000 €. A maiores, outorgaron unha mención especial nesta categoría para A nena azul, de Sandra Sánchez, filme que tivo a súa estrea mundial durante o festival.

O mesmo xurado encargouse tamén de valorar a sección Penínsulas, onde a gañadora foi Mi amado, las montañas, de Alberto Martín Menacho, “pola súa capacidade de evocar a través da paisaxe e dos rostros, transformando unha posible realidade violenta nun relato tenro entre xeracións”. Esta categoría funciona como cualificadora para a competición nos Premios Goya e ten un premio patrocinado por RC Service, de 1.000 € en aluguer de material técnico. Nesta categoría houbo tamén unha mención especial do xurado, que recibiu Los desheredados, de Laura Ferrés.

O público do festival escolleu tamén premiar un filme participante nesta sección de cine estatal entre todas as películas candidatas. A película gañadora foi 592 metroz goiti, de Maddi Barber, na que se retrata o territorio transformado pola construción dunha presa en Itoiz, no Pirineo navarro. Este premio patrocinado por Gadis ten unha dotación de 1.500 €.

O xurado novo, composto pola produtora Silvia Fuentes, a fotógrafa Sandra MG, o músico Nuno Pico, a historiadora da arte Anaid Diz, a montadora e cineasta Iria Silvosa, o artista Artur M. Puga e a técnica audiovisual Azahara Rey Fontán, coincidiu na súa decisión co xurado da sección Explora. Para eles, Monelle foi merecedora do seu premio, dotado con 1.000 €, “pola súa capacidade para dotar ao baleiro de significado e manter ao espectador nunha tensión constante”. Ao tempo, quixeron facer unha mención especial a Saladdin Castique, do finlandés Anssi Kasitonni, “polo punk”.

Os xurados compostos por membros das diferentes asociacións profesionais do audiovisual entregaron tamén hoxe os seus galardóns. O de CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización, escolleu premiar cunha dotación de 500 € pola mellor dirección dun filme galego a Sandra Sánchez, “pola sutileza coa que aborda a dirección, realización e dirección de actores e pola capacidade de transmitir emocións máis alá do texto” en A nena azul. Este xurado, formado por Juan Lesta, Ana Diz e David Fidalgo Omil, tamén quixo facer unha mención especial a Sonia e Miriam Albert-Sobrino, as Also Sisters, polo seu traballo en The Film Machine.

O xurado da Asociación Sindical Galega de Guionistas, AGAG, que busca o mellor guión nun filme galego, premiou precisamente ás Also Sisters polo mesmo filme. Os guionistas Óscar Cruz, Xosé Antón Perozo “Ozo” e Samuel Lema valoraron o seu “uso da metalinguaxe na narrativa e a ruptura da cuarta parede do guión”, ademais da súa “perspectiva autoparódica e lúdica das convencións dos xéneros” e o uso dunha linguaxe experimental “que respecta a estrutura clásica do guión”. As irmás Albert-Sobrino recibirán unha dotación económica de 500 €.

Por último, o xurado de CAMIRA, a asemblea de investigadores da imaxe en movemento, decidiu premiar a Wishing Well, de Sylvia Schedelbauer. Ana Estévez, Iván Villarmea e Jaione Camborda destacaron “a destreza coa que a montaxe transmite unha sensación espacial que, sen descoidar a narrativa, combina as tradicións do cinema estrutural e do found footage”. Ademais, o filme Mountain Plain Mountain, de Yu Araki e Daniel Jacoby foi merecedor dunha mención especial pola súa parte.

En paralelo a todos os premios das diferentes seccións competitivas, tamén se entregou na gala de onte o premio da actividade Outra Compostela, na que diferentes grupos de estudantes de audiovisual realizaron pezas inspiradas na triloxía Paradise de Ulrich Seidl. A obra gañadora foi Camiño interno, que elaboraron Ada Alonso, Martiño Fernández, Iago Díaz, Martín Mondragón e Aida Raíndo. Cada integrante do grupo recibirá como premio un curso de formación audiovisual, neste concurso no que tamén levou unha mención especial a peza Síndrome de Jerusalén, de Arantxa Ramos, Natalia Pereira, Antía Piñeiro e Aldara Suárez.

PALMARÉS CURTOCIRCUÍTO 2018
 

Premio Radar á mellor curtametraxe da sección Radar
Solar Walk, de Réka Bucsi

Mencións especiais do Xurado Radar
Las fuerzas, de Paola Buontempo, e Proch, de Jakub Radej

Premio Explora á mellor curtametraxe da sección Explora
Monelle, de Diego Marcon

Mencións especiais do Xurado Explora
Sombra luminosa, de Francisco Queimadela e Mariana Caló, e Word for Forest, de Pia Rönicke

Premio Galiza á mellor curtametraxe galega
Uluru, de Alberte Pagán

Mención especial do xurado Galiza
A nena azul, de Sandra Sánchez.

Premio Penínsulas á mellor curtametraxe nacional, patrocinado por RC Service
Mi amado, las montañas, de Alberto Martín Menacho

Mención especial do xurado Penínsulas
Los desheredados, de Laura Ferrés

Premio do Público á mellor curtametraxe, patrocinado por Gadis
592 metroz goiti, de Maddi Barber

Premio do Xurado Novo á mellor curtametraxe
Monelle, de Diego Marcon

Mención especial do Xurado Novo
Saladdin castique, de Anssi Kasitonni

Premio CREA á Mellor Dirección Galega
A nena azul, de Sandra Sánchez

Mención especial do Xurado CREA
The Film Machine, de Sonia e Miriam Albert-Sobrino

Premio AGAG ao Mellor Guión Galego
The Film Machine, de Sonia e Miriam Albert-Sobrino

Premio CAMIRA á Mellor Curtametraxe
Wishing Well, de Sylvia Schedelbauer.

Mención especial do Xurado CAMIRA
Mountain Plain Mountain, de Yu Araki e Daniel Jacoby.

Premio Outra Compostela
Camiño interno, de Ada Alonso Lourido, Martiño Fernánde Xove, Iago Díaz Iglesias, Martín Mondragón Rivadulla e Aida Raíndo Vázquez.

Mención especial Outra Compostela
Síndrome de Jerusalén, de Arantxa Ramos Ponte, Natalia Pereira Fery, Antía Piñeiro Añón e Aldara Suárez Miguéns.