Nostalxia Sintetizada: O uso dos sintetizadores nas BSO e a orixe do Synth Wave
EditorialO actual revival pola cultura dos anos 80 nos últimos anos con filmes como Drive (2011) de Nicolas Winding Refn, sumado a fenómenos televisivos como Stranger Things inspiraron unha nova cultura musical que toma as ensinanzas e imaxinarios de directores como John Carpenter ou David Cronenberg como punto de partida para as súas composicións. Artistas como Nightcrawler, Com Truise ou Carpenter Brut son algúns dos respresentantes dunha nova vagada coñecida como Synth Wave.
A interdisciplinaridade de Curtocircuito queda reflexada non só nas diferentes seccións que compoñen Arredor do Son, con performances e conferencias se non tamén nos distintos concertos que acompañan e amplían cada ano o cartel do festival. Con motivo do concerto de Nightcrawler que terá lugar o xoves 4 de outubro na Sala Capitol xunto a Narcoléptica e 16 Pineapples, dende Curtocircuito quixemos facer un artigo sobre o Synth Wave, corrente na que se enmarca este artista, e a importancia que tiveron os sintetizadores ao longo da historia da música no cinema. Metémonos na cápsula espacial, axustamos as LFO, subimos os osciladores y alá imos...
En 1951, a estrea de The Day The Earth Stood Still marcaría un hito dentro da historia da música para o cinema, sendo o primeiro filme que incorporaba na súa banda sonora instrumentos electrónicos, concretamente un theremin. Este feito poría a primeira pedra cara o imaxinario sonoro no xénero da ciencia ficción.
The Day The Earth Stood Still (1951) - Robert Wise, música por Bernard Herrman
Non sería ata 1956, coa estrea do clásico Forbidden Planet, que se realizaría a primeira banda sonora orixinal feita completamente a partir de sons producidos por aparellos electrónicos. Forbidden Planet foi tamén o primeiro filme situado enteiramente no espazo exterior, un feito que permitiu a Louis e Bebe Barron, artífices da BSO, imaxinar todo un repertorio de sons que dende aquel momento pasarían a formar parte do imaxinario colectivo, pois os sons espaciais eran completamente descoñecidos ate aquel momento.
Forbbiden Planet (1956) - Fred McLeod Wilcox, música por Louis & Bebe Barron
Cabe destacar nesta época, inda que máis ligadas á producción musical e non ao cinema perse, as innovacións que viñeron da man dun dos maiores xenios da producción musical de todos os tempos: Joe Meek.
O seu rompedor álbum de 1960, I Hear a New World: An Outer Space Fantasy, prediciu non só un futuro na cal a música buscaba inspiración no espazo exterior, senón unha forma completamente nova de concibir esta disciplina musical, inspirando a posteriores produtores e deseñadores sonoros.
A canción parece zoar e virar electronicamente no espazo, forxando un novo camiño cara ao futuro. "Telstar" está cheo de técnicas pioneiras como o overdubbing, incluída unha melodía executada nun dos primeiros teclados electrónicos (o Clavioline), e o son dun "foguete" despegando, do que se rumoreaba que era unha cinta dun inodoro con descarga de auga reproducida ao revés.
I hear a new world (1960) - Joe Meek & The Blue Boys
Nos anos 60 xurdiu unha nova tecnoloxía que cambiou a música do cinema para sempre: o sintetizador. Alentada polo traballo pioneiro de Wendy Carlos e o Taller Radiofónico da BBC, esta innovación permitiu aos cineastas de baixo orzamento a liberdade de crear as súas propias partituras, xa que as orquestras eran moi caras. E mentres se producía unha chea de música de cuestionable calidade a través destes aparellos, algúns artistas transcenderon á forma e fixeron historia, introducindo sons e melodías no subconsciente colectivo para sempre.
Os anos 60 trouxéronnos a primeira rolda de sintetizadores tal como os coñecemos hoxe: vastos teclados cheos de botóns e luces escintilantes, impoñentes racks enfermizos con milleiros de entradas e saídas e moreas de knobs que retorcer para crear sons nunca antes imaxinados.
Robert Moog agasallou ao mundo cunha nova vagada de sintetizadores comercializables nos anos 70, e redefiniu o que pensamos como o "son do futuro", en resumo: unha amálgama de formas de onda sónicas básicas, orquestradas de calquera xeito imaxinable.
Un dos fenómenos máis interesantes que se deviron destes feitos foi a rapidez coa que se adoptaron os sons sintetizados na nosa visión do futuro, xa que representan o son aparentemente “obvio” do mesmo. Isto derivou no feito de que os sintetizadores se convertisen en elementos indispensables das bandas sonoras de filmes de ciencia ficción ou de ambientación futurista. Repasaremos agora algunhas das bandas sonoras máis icónicas creadas a partir destes instrumentos.
A Clockwork Orange (1971) - Stanley Kubrick, música por Wendy Carlos.
En 1971, Wendy Carlos cativou, confundiu e asustou ao público acompañando a misteriosa obra mestra de Kubrick, A Clockwork Orange, con arranxos incribles cheos de sintetizadores e vocoder a partir de pezas clásicas. Ao facelo, Carlos vinculou maxistralmente o drama psicolóxico das obras de Beethoven á trama da película, e agregou outra capa asociativa á conexión entre o futuro distópico no que deambula o filme.
Cabe destacar nesta época tamén a inclusión de sintetizadores noutra obra mestra do cinema, dirixida por Francis Ford Coppola, Apocalypse Now (1979).
Apocalypse Now (1979) - Francis Ford Coppola, música por Francis and Carmine Coppola.
Sería tamén a finais desta época cando John Carpenter, músico e director de cine, realizaría a BSO dunha das súas obras máis coñecidas, Assault on Precinct 13, e marcaría unha liña estilística na música nos xéneros de terror, ciencia ficción e serie B durante toda a década dos 80.
Filmes como Halloween (1978), The Fog (1980) Escape from New York (1981) ou The Thing (1982) convertéronse instantaneamente en clásicos tanto polas icónicas imaxes que deixaron para a posteridade como polas súas bandas sonoras.
A aparición a principios dos anos 80 dos primeiros sintetizadores dixitais, como o icónico Yamaha DX-7, e os E-Mu Systems permitiron a democratización deste tipo de dispositivos e a súa popularización tanto na música popular (da que xurdiron xéneros como o Synth Pop, que bebía das influencias da New Wave), como na música composta para cinema.
Será nesta época na que compositores como Giorgio Moroder, Vangelis, Howard Shore, e artistas coma Tangerine Dream crearán as BSO máis relevantes compostas mediante estes novos dispositivos, inspirando e influenciado a innumerables produtores e DJs a través das súas películas. Escape From New York converteuse nun clásico de culto da época, con Carpenter formando un equipo con Alan Howarth para producir unha banda sonora escura e vangardista que continua a ser un soño húmido para os amantes do xénero.
Será o clásico filme de Ridley Scott, Blade Runner (1982), o que acabará de marcar no fondo da psique popular a concepción dos sons do futuro para sempre, grazas á maxistral BSO creada por Vangelis.
A surrealista e espeluznante banda sonora de Howard Shore para a película de David Cronenberg Videodrome (1982) foi revolucionaria no seu momento pola combinación de música orquestrada tradicional con instrumentación electrónica programada nun sintetizador dixital Synclavier II.
As pezas creadas por John Harrison para o clásico zombie de George A. Romero de 1985 Day of the Dead é unha das mellores demostracións da presenza deste tipo de sons no terror dos 80 e abriu a veda á coñecida como serie Z, recoñecéndose como pai deste particular subxénero. A BSO de Day of the dead amósase repleta dos primeros motivos de synth-pop, estraños baixos de funk, aleacións de percusión electrónica e matices da power-balladry dos 80.
O Synth Wave: Cabezas de neón.
Maila que os sintetizadores pasaron de moda durante case dúas décadas, recentemente volveron rexurdir na cultura mainstream e os sons e imaxinarios creados durante os anos 80 abríronse camiño nas composicións actuais e na música popular. John Carpenter embarcouse nunha inesperada segunda carreira como estrela de rock, a BSO da serie de TV Stranger Things creada por SURVIVE emocionou a novas audiencias, e compositores contemporáneos como Cliff Martinez e Disasterpeace levaron a un novo nivel as ensinanzas destes pioneiros ás reverenciadas películas Drive (2011) e It Follows (2014), respectivamente. Máis de 30 anos despois, esas composicións clásicas inspiraron a unha xeración completamente nova.
Ligado a isto, no panorama musical comeza a xerarse, gracias á aparición de espazos como MySpace ou Bandcamp, unha nova escea durante os primeiros 2000 que puña a súa atención neste imaxinario 80’s centrado sobre todo en mundos postapocalípticos, paisaxes de neón, distopías, retrofuturismo, mullets e gafas de sol. Artistas coma Com Truise, Kavinsky, Carpenter Brut ou o barcelonés Nightcrawler construíron unha nova narrativa musical a partires da resignificación dos arpexios, caixas de ritmo, e símbolos que marcaron a toda unha xeración nun novo xénero que se deu a coñecer coma Synth Wave.