#updates

Curtocircuíto organiza as primeiras ‘Mesas interxeracionais do audiovisual galego’

Novas

A actividade, que se desenvolverá entre os próximos 4 e 5 de outubro no Edificio ABANCA da Praza de Cervantes, consistirá nun conxunto de relatorios que aglutinará por primeira vez na historia as experiencias das catro xeracións en activo do noso audiovisual.

O Festival Internacional de Cine - Curtocircuíto pon en marcha no seu 15º aniversario as ‘Mesas interxeracionais do audiovisual galego: xornadas construtivas para destruír tópicos, mitos e prexuízos do noso sector’, un conxunto de relatorios e debates cos que o festival busca atopar puntos en común entre os diferentes profesionais e os seus xeitos de traballar e de facer. A actividade, que conta coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), desenvolverase entre os próximos 4 e 5 de outubro.

Nun sector audiovisual cada vez máis diverso, hoxe en día podemos atopar xeracións ben diferenciadas que representan distintos momentos políticos e estéticos do noso audiovisual: desde os anos 80 até 2018. Nesta edición, Curtocircuíto xuntará por primeira vez ás catro xeracións en activo do sector audiovisual galego para poder comprender mellor a natureza, heteroxeneidade e potencial do sector ubicándoos en catro grandes grupos: “Dende a videocreación ata a produción industrial dos 2000” (nados arredor dos anos 60), “A Xeración EIS e outras fornadas de renovación” (nados arredor dos anos 70), “Novo Cinema Galego e outras francotiradoras” (nados arredor do 1980) e “Fillas da crise: novos modelos contra a austeridade” (nados arredor dos anos 90).

Deste xeito, o crítico de cine Brais Romero, a docente Beli Martínez, o director Jorge Coira e o guionista e produtor Antón Reixa porán sobre a mesa o que consideran os seus éxitos e fracasos e os dos seus coetáneos en ‘A túa xeración: acertos e erros’. A análise dos paradigmas establecidos previamente será o punto de partida para ‘Que herdas?’debate que protagonizarán a directora de fotografía Lucía C. Pan, a actriz e directora Sonia Méndez, o eléctrico e iluminador David Melero, e o actor Antonio Durán “Morris”. En ‘Como produces?’ Silvia FuentesFelipe LagePancho Casal e Alfonso Blanco analizarán a creación cinematográfica a través da súa labor como produtores; e os cineastas Adrián Canoura e Oliver Laxe, a directora e montadora Sandra Sánchez, e a docente e investigadora Margarita Ledo protagonizarán o relatorio ‘A creación en clave xeracional’. Para rematar, os cineastas Anxos Fazáns e Xacio Baño e as produtoras Mamen Quintas e Dolores Ben serán os responsables de pechar estas xornadas en ‘Xuntos ou revoltos? Retos de futuro’.

Os debates, que contarán coa moderación da actriz Nieves Rodríguez, a xornalista María Yáñez, o guionista Pepe Coira e os docentes Manolo González e Xaime Fandiño, serán de acceso gratuíto ata completar a capacidade do Auditorio do Edificio ABANCA de Santiago de Compostela. Para asistir é necesario cursar a inscrición previamente a través desta ligazón.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que organiza o Concello de Santiago, subvenciona a Deputación da Coruña e conta coa colaboración da AGADIC, continuará a virar dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, afondando na fusión entre diferentes artes. Máis aló do cinema, Curtocircuíto realizará un completo programa dando continuidade a ‘Arredor do son’, no que tamén haberá espazo para a música e o pensamento con proxeccións, actividades formativas e diversas performances que terán lugar en diferentes emprazamentos da cidade.

Podes consultar a programación completa da actividade aquí