#updates

Ampliamos o noso compromiso co cinema galego

Novas

Ademais da sección competitiva 'Planeta GZ', estreamos as seccións 'Terra', na que se fará un repaso pola traxectoria de directoras e directores galegos, e 'Supernova', que nace para salvar a brecha entre os centros de formación e os circuitos profesionais.

Celebramos o noso 15º aniversario proxectando máis dunha trintena de pezas que xirarán arredor do audiovisual galego. Unha das novidades principais desta edición sondúas novas seccións: Terra e Supernova. A primeira delas proporá unha programación arredor de cineastas de Galicia cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda. Supernova, pola súa banda, nace para salvar a brecha existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras. A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano, e o carballiñés Alberte Pagán participará con Uluru na Sección Oficial Explora, na que damos cabida a obras que procuran novas caligrafías cinematográficas.

 

Planeta GZ: variedade estética, temática e narrativa

A sección competitiva Planeta GZ volve reflectir a riqueza e variedade do cinema galego actual, con estéticas, temáticas, xéneros e mesmo procedencias ben diferentes. Así, A nena azul, un drama con tintes de cinema fantástico, producido en Galicia e dirixido pola veterana realizadora naronesa Sandra Sánchez, terá a súa estrea nesta sección. Oliver Laxe compón en O salvaxe leva o seu tempo unha carta cinematográfica tamén gravada en Galicia tralo seu retorno de Marrocos, mentres autores e autoras como Iván Castiñeiras (Trajectory Drift), Brandán Cerviño (Carta a Leningrado) ou as Also Sisters (The Film Machine) rodaron as súas pezas en Francia, Cuba e Estados Unidos respectivamente. A diversidade de contextos de traballo trasládase tamén á presenza tanto de obras de ficción como de documentais e filmes de carácter máis experimental. No primeiro ámbito, ademais das Also Sisters e Sandra Sánchez, están presentes Laura Pousa con Un país extraño (protagonizada por Rosa María Mateo) ou Noela Gutiérrez con Un ollo de vidro (adaptación do clásico de Castelao). No referente ao documental poderán verse en Curtocircuíto M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987), o retrato que Ángel Santos realizou do pintor Manuel Moldes, recentemente falecido, e as citadas Carta a Leningrado e Trajectory Drift. Por último, o lado máis experimental do cinema galego recente está representado por Caerán lóstregos do ceo de Adrián Canoura e El Espectrorium de Judith Adataberna.

 

Espazo para novas voces e cineastas consagrados

O cinema de autor galego vive na actualidade un dos seus momentos de maior relevancia tanto a nivel cualitativo, co seu crecente prestixio no ámbito crítico, como a nivel cuantitativo, polo número cada vez maior de producións. Neste contexto, queremos contribuír a pór en valor a creación audiovisual galega.

Cada vez é máis frecuente no noso audiovisual que o estudantado empregue linguaxes non convencionais e máis próximas ao cinema de vangarda, fito que poden explicar a influencia recente do cinema de autor galego e a democratización das ferramentas audiovisuais. A sección Supernova inaugúrase coa intención de xerar un espazo para estes cineastas máis novos no complicado momento no que rematan a súa formación e se enfrontan á entrada nos circuítos profesionais.

Doce pezas destas novas voces conforman o primeiro programa de Supernova, que vai do narrativo ao experimental e ten un marcado peso do cinema máis íntimo. Nesta sección, o público terá así a oportunidade de descubrir o carácter e as inquedanzas desta parte dunha nova xeración de cineastas -conformada maioritariamente por directoras- a través dunha selección composta por Sendeiro, de Lucía Estévez; Ser y tiempo, de Daniel Arana; Marxes, de Sara Iglesias; El cuadrado, de Ángel Filgueira; O ollo cobizoso, de Lara e Noa Castro; Tiempo, de Alicia Alonso; ou as pezas Resiliencia e 16-11-2016/13-5-2017, de Marta Valverde; Episodio_Piloto, de Artur M. Puga, They Ponder e Confessions: Teaching Redemption, de Ariadna Cordal; e Fume e Lonxe, de Alejandro Rodríguez.

Pola outra banda, Terra é unha sección non competitiva adicada a autores e autoras galegos que contan xa cun universo creativo consolidado ao longo de diferentes obras. Nesta primeira edición estará protagonizada por Xacio Baño e Jaione Camborda, dous cineastas que nos últimos anos estrearon os seus filmes ou foron premiados en festivais como Locarno, Clermont-Ferrand, Filmadrid ou o Fidocs de Santiago de Chile. Na actualidade tanto Xacio -escollido pola revista Variety como un dos dez talentos emerxentes do cinema español- como Jaione -que conta tamén cunha importante traxectoria como guionista e directora de arte- se enfrontan á estrea das súas primeiras longametraxes, Trote e Arima.

 

Un punto de encontro interxeracional

O audiovisual galego non só estará presente nas proxeccións de Curtocircuíto, senón tamén nas actividades. É por iso que nesta edición levaremos a cabo, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, as ‘Mesas interxeracionais do audiovisual galego’, un conxunto de relatorios e debates cun programa que o festival dará a coñecer nas próximas semanas.

Ademais, nesta 15ª edición, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 7 de outubro, seguiremos a virar dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, afondando na fusión entre diferentes artes. Máis aló do cinema, Curtocircuíto ofertará unha gran variedade de propostas dando continuidade a ‘Arredor do son’, no que tamén haberá espazo para a música e o pensamento con proxeccións, actividades formativas e diversas performances que terán lugar en diferentes emprazamentos da cidade.

[Curtocircuíto está organizado polo Concello de Santiago, subvencionado pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración da AGADIC]