#updates

Ulrich Seidl, Bertrand Mandico e Jessica Sarah Rinland, primeiros protagonistas de Curtocircuíto 2018

Novas

Anunciamos os primeiros convidados da nosa 15ª edición, que visitarán a cidade entre o 29 de setembro e o 7 de outubro. Trátase dos cineastas Ulrich Seidl e Bertrand Mandico, aos que se lles dedicarán cadansúas retrospectivas, e Jessica Sarah Rinland, directora que protagonizará a sección Púlsar.

Fotografía: Sepp Dreissinger

Hoxe anunciamos os primeiros convidados da nosa 15ª edición, que visitarán a cidade entre o 29 de setembro e o 7 de outubro. Trátase dos cineastas Ulrich Seidl e Bertrand Mandico, aos que se lles dedicarán cadansúas retrospectivas, e Jessica Sarah Rinland, cineasta que protagonizará a sección Púlsar.

Ulrich Seidl (Viena, 1952) é un dos grandes nomes do cinema de autor das últimas décadas. O cineasta austríaco comezou a súa carreira en 1980 co filme One Forty e continuou con filmes premiados como Good News (1990), sobre vendedores de periódicos en Viena; Animal Love (1995), arredor da intensa relación de diversas persoas coas súas mascotas; ou Models (1998), que afonda na vida privada de tres modelos. Xa nestas obras iniciais aparece o retrato da hipocresía das convencións sociais occidentais que caracteriza a súa obra. A consagración chegoulle con Hundstage (Dog Days), que gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Venecia de 2001. Dende entón, filmes como Import Export (2007), a exitosa triloxía Paradise (2012) ou Safari (2016) pasaron polas seccións oficiais de Cannes, Berlinale e Venecia ao tempo que protagonizaban estreas controvertidas polo seu achegamento a temas como o turismo sexual, a fe cristiá ou a caza. Do mesmo xeito, as obras do cineasta acadaron premios en festivais coma a Viennale, Gijón, Sevilla ou Karlovy Vary.

O estilo cinematográfico de Seidl caracterízase pola súa precisión formal e a mestura de métodos do documental e da ficción. «Fago películas. Ás veces películas de ficción con elementos documentais, e ás veces documentais con elementos ficcionais. Só películas». O cineasta non exerce xuízos morais sobre as persoas que filma senon que, a través da súas postas en escea, entre o realista e o artificioso, empuxa ao espectador a cuestionar súa propia moral. Estas características convertérono nunha figura imprescindible do cinema recente, eloxiado por directores como Werner Herzog ou John Waters, quen o considerou herdeiro de Fassbinder.

Segundo Pela del Álamo, director artístico de Curtocircuíto, «Ulrich Seidl é un dos mestres do cinema contemporáneo, non unicamente pola súa virtuosa procura dos límites entre realidade e ficción, senón pola súa capacidade de xerar unha empatía que redime os personaxes do grotesco, deixando espazo para que os espectadores poidamos sentir e conectarmos con eles segundo as nosas propias vivencias».

A vontade transgresora de Seidl compártea o director francés Bertrand Mandico (Toulouse, 1971), polo seu bizarrismo cromático, un estilo ecléctico coa capacidade de crear universos dunha imaxinación visual desbordante, fusionando e desintegrando os xéneros tanto no sentido narrativo como no sexual. «Atópome nun contexto moi queer, que asocio tamén cunha sorte de underground, de vangarda, que está basado no que non é a norma sexual e está máis no campo da investigación, poderiamos dicir, ou da apertura de mente». Tras formarse en animación en Gobelins, Mandico escribiu e dirixiu numerosos filmes nos que utiliza de xeito extravagante todo tipo de técnicas artísticas (fotografía, collage, debuxos…). Entre eles destacan Notre-Dame des Hormones (2015), Prehistoric Cabaret (2014) ou a longametraxe Les garçons sauvages (2017), estreada no Festival de Venecia. Na actualidade o cineasta está a traballar nun proxecto de 21 películas en 21 anos con Elina Löwensohn, unha reflexión sobre o estado físico da actriz e a ficción. A de Curtocircuíto, que levará o nome de Une rétrospective a Bertrand Mandico avec son actrice fétiche Elina Löwensohn será a primeira retrospectiva que se lle adique en España.

Será a nosa sección Púlsar, que cada edición pon en valor a cineastas emerxentes, a que poña, tamén por primeira vez en España, o foco sobre o traballo de Jessica Sarah Rinland, unha das promesas do cinema experimental. Tendo a sétima arte como eixo principal, a súa obra, ao igual que no caso de Mandico, dialoga con outras disciplinas como a etnografía e a fotografía.

A cineasta arxentino-británica ten exposto a súa obra en galerías, festivais de cinema e universidades, tales como o New York Film Festival, o BFI London Film Festival, Rotterdam, Oberhausen, o Festival Internacional de Cine de Edimburgo e Bloomberg New Contemporaries. Actualmente é artista asociada en Somerset House Studios e bolseira do Centro de Estudos Cinematográficos da Universidade de  Harvard.

Neste 15º aniversario continuaremos virando dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, afondando na fusión entre diferentes artes. Máis aló do cinema, Curtocircuíto realizará un completo programa dando continuidade a ‘Arredor do son’, no que tamén haberá espazo para a música e o pensamento con proxeccións, actividades formativas e diversas performances que terán lugar en diferentes emprazamentos da cidade.

 

Primeiros abonos integrais a prezo reducido

Ata este venres 31 de agosto poden adquirirse a través de Entradas Abanca os abonos integrais para a 15ª edición de Curtocircuíto. Estes abonos, dispoñibles a un prezo reducido de 20 €, darán acceso a todas as proxeccións e concertos do festival, que celebrará dende o 29 de setembro ata o 7 de outubro. Quen faga agora a súa compra poderá retirar os abonos dende o 24 de setembro no despacho de billetes do Teatro Principal de Santiago de Compostela.

A partir do 1 de setembro tamén será posible adquirir abonos integrais a un prezo de 30 € e abonos de proxeccións e concertos por separado, a un prezo de 18€ cada un, polo que a oferta inicial é perfecta para as espectadoras e espectadores que queiran gozar ao completo de Curtocircuíto.

 

[Curtocircuíto está organizado polo Concello de Santiago, subvencionado pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración de AGADIC]