#updates

Volven as Noites Curtas, cine de verán da man de Curtocircuíto

Novas

Os vindeiros 15 e 23 de agosto a partir das 22.00 horas, regresa o cine de verán ao centro histórico compostelán a cargo de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, cunha nova edición das nosas populares Noites Curtas, dúas sesións gratuítas ao aire libre.

Os vindeiros 15 e 23 de agosto, o cine de verán regresará ao centro histórico compostelán da man de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, cunha nova edición das nosas populares Noites Curtas, dúas sesións gratuítas ao aire libre nas que se proxectará unha selección especial de filmes realizada polo equipo de programación do festival para a ocasión.

Na primeira das sesións, que terá lugar mañá mércores 15 ás 22h00 na Praza das Praterías, os asistentes poderán ver unha escolma dalgunhas das curtametraxes máis destacadas da pasada edición do festival compostelán, marcada por varios dos seus trazos fundamentais, como o risco e a diversidade de xéneros e procedencias das películas. A animación ocupa unha parte importante do programa, con pezas como Contact, de Alessandro Novelli (gañadora do Premio Penínsulas, que Curtocircuíto outorga a producións españolas), a nominada a un César I Want Pluto to be a Planet Again, de Marie Amachoukeli e Vladimir Mavounia Kouka e a innovadora Martin Pleure, realizada manipulando o videoxogo Grand Theft Auto 5. O compoñente experimental do festival estará presente con Over & Over, peza-collage de Michael Fleming na que remonta metraxe centrada na representación do medo e a vinganza no cinema comercial, e haberá espazo para a comedia coa española Les vimos reír y creímos que era de felicidad, do colectivo Vermut. Completan a selección dúas pezas que pasaron tamén polo prestixioso festival de Sundance: It’s a Date, do americano Zachary Zezima, e Slapper, da australiana Luci Schroder.

Esta primeira Noite Curta complementaráse cunha segunda cita a vindeira semana na Praza da Quintana. Se na sesión inicial se bota a vista atrás para rememorar o pasado Curtocircuíto, na do xoves 23 de agosto a mirada vaise aínda máis atrás para celebrar os 15 anos de traxectoria que o festival cumpre este ano. A selección da derradeira Noite Curta deste verán incluirá así algúns dos filmes que formaron parte desa andaina de Curtocircuíto e preparará ao público para a 15ª edición do festival, que terá lugar entre o 29 de setembro e o 7 de outubro.

As dúas Noites Curtas serán de acceso gratuíto. En caso de condicións meteorolóxicas desfavorables anunciaremos nas nosas redes un emprazamento alternativo para as proxeccións.