Noites Curtas, cine de verán en Curtocircuíto
NovasOs vindeiros 24 e 31 de agosto a partir das 22.00 horas, regresa o cine de verán ao centro histórico compostelán da man de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, cunha nova edición das nosas populares Noites Curtas, dúas sesións gratuítas ao aire libre.
Os vindeiros 24 e 31 de agosto, regresa o cine de verán ao centro histórico compostelán da man de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine, cunha nova edición das nosas populares Noites Curtas, dúas sesións gratuítas ao aire libre onde proxectaremos unha selección especial realizada especialmente para a ocasión.
Traballos galegos e internacionais, que terán como un dos protagonistas deste ano ao cineasta lucense Adrián Canoura, quen tamén participará en outubro na sección Planeta GZ cun dos seus últimos traballos O Porco e o seu espírito. Antes, presentará nas prazas compostelás catro videoclips que realizou este ano para bandas como Guerrera, Baiuca e Nistra (dúo do que forma parte xunto a Anxo Rodríguez). Seguimos así apostando polos novos talentos galegos e afondando na perspectiva mutidisciplinar que caracteriza nosa actual etapa.
A primeira cita será esta semana na praza de Praterías e a derradeira noite de agosto será a praza da Quintana a encargada de acoller títulos como a premiada Decorado do galego Alberto Vázquez, recoñecida con máis de vinte galardóns internacionais, entre os que destaca o Goya á mellor curtametraxe de animación e gañadora do Premio Penínsulas na nosa pasada edición, La disco resplandece de Chema García Ibarra. Over de Jan Saska (República Checa), Aliens de Jiajie Yu Yan (España) e Deep Blue de (Estados Unidos) son outras das pezas internacionais presentes no programa. As dúas sesións comezarán a partir das 22.00 horas.
En caso de condicións meteorolóxicas desfavorábeis anunciaremos nas nosas redes un emprazamento alternativo para as proxeccións.